Reforma educativa vs. reforma ideolóxica


María Xosé Lamas.-

Xa estamos afeitos a que o goberno a comezos de cada lexislatura, sobre todo cando se cambia de orientación política, ditamine normas de reforma nos principais sistemas de organización da vida pública: sanidade, educación, prestacións sociais… cambios todos eles que responden a diferenzas ideolóxicas, como é sabido. No eido educativo están moi claras: os partidos de esquerda avogan pola formación, os de dereitas polo adoutrinamento; os primeiros polo ensino público, os segundos polo privado e un longo etcétera.
Pero, a que nos ocupa, a Reforma Educativa actual, vai máis alá en todo isto, xa que afecta directamente aos fins da Educación. Dende o comezo da democracia no Estado español - incluso antes , dende a Lei Villar Palasí do setenta, xa se apuntaba-, a finalidade última da Educación foi a de formar cidadáns cunha educación comprehensiva e universal, á que todos os individuos tiveran acceso, creando un sistema educativo igualitario en todos os sensos (igualdade de oportunidades, coeducación…). A partir de agora, e se ninguén o remedia, estudará quen poida, non quen queira; quen poida pagar unha formación que está moi lonxe de ser gratuíta aínda nas súas primeiras etapas. Abonde con pensar no período de Educación Infantil de cero a tres anos, non obrigatorio, e ao que só poden acceder uns poucos por estar en mans de concellos sen capacidade económica para ofrecer este servizo á maioría da poboación, ou en mans privadas, polo que aínda é menos accesíbel. Tamén cabería pensar no custo de libros ou material escolar na educación obrigatoria (Primaria e ESO), para o que as axudas están cada vez máis reducidas. E que dicir do bacharelato ou a universidade despois da subida de taxas e da case extinción das bolsas académicas?
Para o que si haberá prestacións económicas vai ser para aqueles centros educativos –privados, por suposto, no público non coido que se chegue a iso- que diferencien ao alumnado por sexos. Efectivamente, coma no tempo da ditadura, “los niños con los niños, las niñas con las niñas” , co que a coeducación pola que tanto se ten loitado en tempos remotos, vaise ao traste. O seguinte será diferencialos por razas, crenzas, etc. Canta máis segregación, mellor.Todo chegará!
Fóra do aspecto económico, hai que facer referencia tamén á anulación da educación comprehensiva. O alumnado xa non poderá progresar no seu proceso de ensino-aprendizaxe paso a paso dun xeito flexible como até agora, atendendo á madureza das súas capacidades. Non. Agora deberá de pasar cribas en forma de exames finais ao remate das diversas etapas e ciclos educativos que sirvan de selección dos “mellores”, relegando aos menos afortunados ao máis absoluto fracaso e sen alternativas: ou vales para estudar ou a F.P. no mellor dos casos, que tal e como está estruturada, só engrosará as listaxes de paro.

Doutra banda, onde radican as bases psico-pedagóxicas que sustenten tal reforma e onde os principios educativos derivados das mesmas? Principios como a socialización, a coeducación, a educación comprensiva, etc., fican eliminados ou tocados de morte en aras da disgregación, a educación por sexos ou o exceso de contidos conceptuais fronte aos procedementos ou actitudes, que deixan de ter senso no momento en que o alumnado ha de ser avaliado en base a probas obxectivas e eliminatorias (reválidas). E como colofón da modificación nos contidos non podía faltar a materia de Educación para a Cidadanía, eliminada do ensino Primario e convertida no Secundario en “formación do espírito nacional”, ben coherente, por certo, coa ideoloxía do partido popular.

Canto aos cambios na estrutura do sistema educativo, coma o de converter o cuarto nivel da ESO nun curso de carácter propedéutico para o bacharelato ou estudos posteriores (a consabida FP), só se sustenta como selectividade anticipada do alumnado, sen ter en conta os gustos nin a madureza dos discentes, canto antes teñan que escoller, máis se equivocarán. Pero non importa, o “sistema” xa escolle por eles!

Así as cousas, pode haber alguén que xustifique a “Nova Reforma Educativa” proposta polo partido no goberno? Acaso só aqueles acólitos de pensamento único que seguen a renderlles pleitesía; aqueles que forman “masa”, non pobo, súbditos do poder e monicreques nas súas mans destras e manipuladoras; aqueles que consenten seren suxeitos da ignorancia, instrumento máis e mellor utilizado pola oligarquía para aferrarse ao dominio absoluto. Ignorancia do pobo que conseguirán a través de “reformas” como a educativa actual que, se ninguén o remedia, chegará a imporse. Que mágoa!

27 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión