Fermín Bouza.-
Se o goberno perde ao Financial Times está definitivamente perdido. E iso é o que está a ocorrer con Rajoy e con de Guindos. Para facer honra á verdade, o Financial expresa un certo descontento co goberno porque este non acaba de pedir o rescate e o negocio maior dos depredadores vaise aprazando sine die.
Un rescate é un negoción redondo, un investimento seguro e unha forma indecente de deixar sen sangue aos países con problemas. Os nosos problemas foron creados, en grande parte, pola banca europea, sobre todo a alemá: as lexislacións do solo e da costa (PP, sobre todo: Aznar e Rato) así como unha garantía de desafiuzamento que lles permitía aos bancos locais quedar cos pisos e co diñeiro pago en caso de falta de pagamento, foron os motores da nosa ruína. Créditos e créditos desde a banca local e desde o exterior, sen outro sentido que apoiarse nesa cadea citada de despropósitos, crearon unha fantástica débeda privada como unha bóla de neve imparable.
Cando os bancos deixaron de ter fondos deixaron de dar créditos produtivos ás autonomías e outros entes necesarios. O estado acusou o golpe na súa absoluta gravidade, e aí estamos.
De Texas ao caso Nóos
Medra en Texas o movemento secesionista, xa histórico, e cada día con máis forza preséntase en sociedade como unha posibilidade real. Os oficiais texanos e outros dos vellos estados confederados, non se falan ás veces cos do resto da Unión, e mesmo nos acuartelamentos e academias non comen habitualmente nas mesmas mesas. Desde sempre. Iso me contan, e debe ser certo. Xa ven que en todas partes cocen fabas, aínda que no mundo anglosaxón nada disto ten eses aires dramáticos que aquí teñen estas cousas.
Pero hoxe é un día especial e o tema é outro: cada vez que reaparece o caso Nóos a monarquía renxe nas súas cadernas e carlingas e a xente sente a necesidade de reafirmar que non é monárquica. A pesar de todo, El-Rei segue tendo simpatías e arrastre, aínda que o seu aspecto rengueante e corticoidal meta o medo no corpo aos máis imaxinativos ou, quizais, aos máis sensatos de entre os seus cidadáns, que non súbditos.
É un baleiro que dá medo nun reino tan incerto como este, cunha extrema dereita que desbordou á dereita e cun pobo que, se non hai máis remedio, fará o que sexa preciso para evitar os peores escenarios. Á hora da verdade todo é sorprendente e inesperado.
Non fagan cábalas porque se trabucarán: arrimen o ombreiro para que todo vaia pola súa canle e a esquerda, no seu momento, estea en situación de recoller o que quede dun territorio/estado/país/reino complexo sometido á máxima presión económica da súa historia.
0 comentários :
Danos a túa opinión