Polafía en Pontedeume

Redacción.-

"Do río Eume, sombras nos camiños" [Ramiro Fonte]

O sábado, 15 de decembro, ás 19:00 horas na Casa de Cultura de Pontedeume levarase a cabo unha polafía coa participación de: Juan Permuy e Manolo Domínguez [memoria dos fuxidos] Lolo Placer [pescar na ría] Constantino Arnoso [a vida na fraga] Xavier Brisset [Fondo de Documentación do Territorio: Zona Eume] Carola Macedo Cordal [alcumes e curtidores] Isidro Novo [poesía: Nicolás Varela Cabana e Ramiro Fonte] Maruxa “A Chevarría” [contos, lendas, cancións] Carmen “A Maceira” [contos, lendas, cancións] Alexandre Caínzos [revista Cátedra] Xosé Paz Fernández “Pepucho” [música].

Coa colaboración de Colectivo Terra, Pontedeume / 8 mares, Investigación e Divulgación Cultural / Ardóbriga, Asociación Cultura para a protección do Patrimonio
Patrocina: Deputación da Coruña
ORGANIZA. Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG (As. De Escritoras e Escritores en Lingua Galega).

Que son as polafías?
Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Enlace vídeos do proxectos POLAFÍAS.

13 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión