Polafía en Santaballa


Redacción.

O sábado, 8 de decembro, ás 19:00 horas celebrarase na Escola Habaneira de Santaballa (Vilalba) a Polafía "Cando era tempo de inverno: Historias con memoria, representadas polos veciños e veciñas de Santaballa" coa colaboración da Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa. Nela intervirán Sina Prieto (avoa), Beatriz Rivas (tia), Beatriz Currás (nai), Noemí Trastoy (neta 1), Isabel Bermúdez (neta 2), Clara Naseiro (Xoana), Alfonso Bermúdez (fillo de Xoana), Modesto Riero (avó), Manuel Ferreiro (monxe), José Bermúdez (recitador), Andres Díaz (gaiteiro), Concha Ramos e Sara Ledo(narradoras) e Antón Castro (cego)
Idea e guion: José Manuel Bermúdez, José Manuel Felpeto e Isidro Cillero.

Patrocina o acto a Área de Cultura e Turismo, Deputación de Lugo e organiza a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

Que son as polafías? Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.


Enlace vídeos do proxectos POLAFÍAS.

6 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión