Sextina ao neno pobre

Vicente Piñeiro.-

(2012 grave crise económica)

Quería aquel pastel, o pobre neno,
ás veces o comía só cos ollos.
Levaba o neno da súa man a nai,
o neno que ollaba aquel pastel,
resgardado detrás daquel cristal,
e pola noite o neno tivo un soño.

E díxolle á súa nai: Tiven un soño.
Soñaba co pastel o pobre neno.
No soño non estaba aquel cristal,
afastando o doce ante os seus ollos.
Non che podo mercar ese pastel,
non temos moitos cartos, dixo a nai.

Dorme o neno a carón de súa nai.
e esa noite súa nai tivo un soño,
que o seu neno soñaba cun pastel
que non puido comer o pobre neno.
A nai tamén chorou, mollou os ollos,
polo pastel que está tras do cristal.

E non volveu pasar xunto ao cristal,
collido pola man de súa nai.
Non volvería velo cos seus ollos,
aquel neno que un día tivo un soño,
que non comía o pastel, o pobre neno,
e outros nenos comían o pastel.

Que bo tiña que estar aquel pastel,
exposto por detrás daquel cristal,
aquel que non comeu o pobre neno,
que non puido mercarlle súa nai,
e espertouse moi triste, daquel soño,
non comía o pastel nin cos seus ollos.

Pero un día súa miroulle os ollos
ao neno e foi roubar aquel pastel.
O pastel non está, vino nun soño,
non está no oco aquel tras do cristal.
Vén, dixo ela, e foise co seu fillo,
e alí estaba o cristal e o pobre neno.

Xa non está o pastel tras do cristal,
comeuno o meu fillo, non é un soño,
comeuno o neno pobre cos seus ollos.

6 de dec. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión