Redacción.-
O pasado día 29 de decembro finou en Madrid o xornalista vilalbés Antonio Domínguez Olano. Nado na capital chairega o 25 de maio de 1938, comezou a súa andaina xornalística nos xornais galegos La Noche e El Correo Gallego, marchando moi xoven a Madrid, onde traballou nos diarios Pueblo e El Alcázar. Posteriormente, xa na Cadena Ser, acadou sona como reporteiro acompañando na súa entrada en La Habana desde Sierra Maestra a Fidel Castro, co que trabou amizade, ao igual que con Ernesto "Ché" Guevara.
Mantivo tamén lazos de amizade con Pablo Picasso, de cuxa figura foi un grande especialista, chegando a publicar unha ducia de libros sobre o pintor malacitano.
Recibiu ao longo da súa carreira tres premios Ondas, un individual en 1959 á mellor labor periodística e dous máis como membro do equipo do programa "El consejo del doctor", do que foi guonista e codirector. Na Televisión Española presentó os espazos "Kilómetro Cero" e "Teatro".
Colaborou tamén nos semanarios Gaceta Ilustrada, Sábado Gráfico, os taurinos El Ruedo e Dígame e nas emisoras Radio Intercontinental, Radio Nacional de España e Radio Barcelona.
Como escritor foi autor de ensaio (Guía secreta de Madrid, Locos por la democracia), novela (Los hombres se visten de plata, La España del buitre, Carta abierta a un muchacho "diferente", El Niño que bombardeó París) e teatro Madrid. Pecado moral, Las divinas, Cara al sol con la chaqueta nueva).
Olano, figura de ideas conservadoras, foi convidado polo Concello de Vilalba, foi pregoeiro das festas de San Ramón no ano 2009, levantando certa polémica cun parlamento que moitos entenderon como apoloxía do franquismo.
Said
Vaia por diante que nada teño contra o señor Olano (q.e.p.d.), pero a súa biografía coma vilalbés deixa moito que desexar. Comezando por que negou moitas veces que nacera neste pobo e logo, despois escribiu qu "era dun pobo do que non quería lembrar o seu nome". Podería citar moitas máis cousas. Pero ahí están as súas louvanzas ao máis puro franquismo, a identificación cun réxime que asolou e desangrou Galicia, e do que nunca renegou senón que o defendeu ata a súa morte. Todos temos en mente o seu pregón das patronais de hai uns anos.
Para rematar, teño que dicir que ata falseou a súa verdadeira idade. Declarou a algún xornal que ao seu bautizo asistira Fraga cando xa tiña oito anos. Mentres, a un señor vilalbés escoiteille que era o da súa quinta. Morreu aos 82 anos. Ata tiña prexuízos contra iso.
Feliz Aninovo aos lectores de A Voz de Vilalba-
Xan do Muíño.