Fermín Bouza.-
O economista xefe do Fondo Monetario Internacional (FMI), Olivier Blanchard, recoñeceu o "erro" cometido polo organismo internacional á hora de recomendar recortes aos gobernos europeos xa que non souberon entender que o compromiso das autoridades coa austeridade acabaría co crecemento. (Público)
Comeza a autocrítica dos que nos trouxeron a esta situación, pero aínda son xente externa ao país, aínda que determinante. O deseño sen cabeza co que quixeron saír da crise fomentou o decrecemento, o paro e a desmoralización en toda Europa, non só no reino de España. Nisto, como en todo, cando comecen a tomar medidas realmente estimulantes e de base menos ideolóxica e máis científica, as cousas xa terán danado irreversiblemente a millóns de persoas. Sempre chegan tarde.
De momento, este reino vive na desolación máis absoluta e entre cifras de miseria próximas ao colapso social, económico e político. Por non dicir moral, que tamén. Era importante deixar constancia neste artigo desas declaracións e movementos que comezan a pensar que equivocaron a ruta da recuperación. Quen pagará os pratos rotos?
Era importante dicir isto, pero o tema meu era o das admonicións do ministro de defensa, Morenés, ao exército e á opinión pública. Outro día irei por aí, pero quero deixar constancia polo menos do que quería dicir: se lle dis a uns militares, funcionarios de armas ao servizo do poder do pobo expresado nas urnas e reflectido no parlamento e no goberno e as súas decisións, cando lles dis, digo, "que non atende a provocacións" (e ademais por un suposto delito político) , é o mesmo que chamar golpistas a uns militares que, así tratados, como nos tempos de María Castaña, convértelos en entes autónomos que se algo non lles gusta ou teñen un cambio de humor, poden modificar o seu estatuto de brazo armado do parlamento ao servizo da representación popular e da democracia que a fai posible. Esas palabras, ministro, son doutro tempo.
0 comentários :
Danos a túa opinión