Fermín Bouza.-
Leo que o PP se apura a resolver o caso
Bárcenas, e paréceme normal electoralmente falando, pero non é o camiño
para empezar a combater en serio estas presuntas corrupcións nin lle van
a deixar facelo os demais partidos e o pobo pensante. Foi terriblemente
duro o PP coas corrupcións dos demais e botou leña ao lume, e mesmo
gasolina, e xogou con esas cousas de forma extrema. Pero os casos
gravísimos de Baleares, Valencia e Gürtel, son da súa propiedade.
Sectores
afíns no campo da xustiza deixaron fóra de combate ao xuíz que quixo
chegar ao fondo dese último asunto que agora renace, e valeulles
calquera escusa para iso, escusa que, confrontada cos textos legais do
oficio, resulta infumable. Pero funcionou, e botáronlle a toda a
chamada Brunete mediática encima para culminar o linchamento. De igual
maneira, transformaron o atentado do 11-M nunha causa contra os seus
adversarios políticos, de forma infame e contra toda evidencia. E
crearon o chamado caso Faisán, que veu interferir claramente o traballo
policial, para o que non dubidaron en crear divisións na propia policía a
través dos seus terminais no corpo. Tamén na Garda Civil.
Todas
estas cousas e outros miles que non cito, permanecen na memoria. E hai
moita xente que non o vai a esquecer. Agora terán que ir até o final e
terán que explicarse, como todo cidadán e toda institución.
Xa non é suficiente
As revelacións sobre o caso Bárcenas son cada
día máis sorprendentes, deben debaterse de acordo coa lei e van esixir de
Rajoy algo máis que silencio e laisser faire, laisser passer. O país
non está para ningunha clase de silenzos e iso sóuboo o mesmo Rei cando
deu explicacións dalgunhas das súas cousas. Chegou mesmo a pedir
perdón.
Quizais Rajoy deba facer o mesmo en nome do seu partido, ou agardar a que lle crezan os ananos ata que o barco naufrague co novo
peso dos novos xigantes. Probablemente moitos políticos descoñecen até
que punto a situación na vida cotiá é cada vez máis imposible para un
número multimillonario de xente. Por iso non hai bromas, e non as haberá
por bastante tempo.
Están obrigados a dar explicacións todos aqueles
afectados polos problemas de presunta ou probada corrupción, tanto máis
se se trata de algo que afecta o corazón económico do partido do
goberno. Xa non é posible trivializar todo ésto coas dúas tontadas que
poida expresar rutineiramente a señora Cospedal mentres ataca á
oposición en en troques dos corruptos presuntos ou reais. Xa non.
Somos como parecemos?
Non hai só indignación, aínda bastante
contida, senón pasmo. Ninguén podía imaxinarse o que este reino acumula
de incivismo e picaresca. Cada episodio desta clase que estamos a vivir
reproduce un trauma nunca de todo asumido polo cal redescubrimos que
clase de xente somos ou poderiamos ser. Todo descubrimento é
desagradable porque rompe esa sensación unitaria coa que nos vemos a nós
mesmos: somos un e só un de sempre e para sempre. Pero en realidade
somos lexión, que dicía o poseso do evanxeo para dicir o seu nome. Uns e
múltiples, e nalgunha desas vidas posibles e interiores, somos uns
golfantes de moito coidado.
A xente acaba por perdoar aquilo que ela
tamén podería facer. Por que perdoamos tanto aos golfos e corruptos?
Probablemente porque se parecen demasiado á nosa lexión interior. Nuns
grupos de discusión (focus grups) que fixemos fai uns poucos anos e nos
que saía con frecuencia o tema, a frase histórica de "no seu lugar eu
tamén o faría" non atopaba maior rexeitamento, parecía algo común e
asumido. Somos realmente así, como parecemos cando falamos nos grupos
citados?
A teimosía precisa
Como cabía esperar a activación da Gürtel complica a vida política e pon ao PP e a moitos dos seus dirixentes nunha posición complicada. As auditorías con diñeiro negro non aclararán nada, e se é iso o que se pretende están perfectamente elixidas. Pero nin as distraccións de menor ou ínfimo rango (Fundación Ideas e o menudeo ao peso e algunha que outra trampa administrativa, probablemente) nin a negación pura de sobres ou outras cousas derivadas, van lograr deter un proceso de investigación que xa non fan só os xuíces: toda a sociedade parece atenta e espera contestacións razoables e explicacións claras.
A expulsión de Garzón do proceso e a carreira, unha barbaridade desde calquera perspectiva, devolve o seu sentido a todo o que ocorre. Todos imos profundando na nosa opinión sobre este reino, a súa xente, os seus dirixentes e sobre nós mesmos: algo non marcha moi ben. Sempre me alegro de que non se borre a memoria daquel fascismo que nos fixo peores, atrasados e mendicantes. Por aí multiplicáronse os nosos males.
Agora, sen esperanza económica nin de redución do paro neste ano que entra (FMI), encaramos o futuro con esa melancolía que onte citaba. Se non é do xénero malsano, que puidese ser, esa melancolía daranos forza e lucidez. E que a vexamos.
0 comentários :
Danos a túa opinión