VII Certame de Recolla da Tradición Oral


Redacción.-

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa co lema "PONTE A BRINCAR. O PATRIMONIO LÚDICO"

No interese por descubrirlle ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común preséntase este Certame que ten unha dupla finalidade:

Que a existencia deste patrimonio común forme parte da vida escolar nas aulas da Eurorrexión.
Que o sistema educativo acometa decididamente a tarefa de rescatar esta tradición e poñela en valor nun proceso de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

O xogo, entendido en sentido amplo como gozo do tempo de lecer, non remata nas idades infantís ás que máis doado nos resulta relacionar con estas actividades, senón que segue a mostrarse, en manifestacións acaídas, en todas as etapas da vida do ser humano.

A mocidade ten para o tempo de lecer un amplo repertorio de actividades de recreo e de xogos, mentres que nas idades adultas do ser humano a necesidade de xogo e brincadeira segue a aparecer e non remata ata que o fai a propia vida dos individuos. Os centros educativos son un espazo apropiado onde é doado transmitir os xogos tradicionais. O alumnado poderá ser o encargado de investigar, recolleitar e divulgar entre os seus compañeiros e compañeiras as prácticas dos xogos que se realizan nos períodos de lecer.

O Certame propón a recolla das formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipos de entretemento: xogos, regras e normas, xoguetes e a súa realización, adiviñas, cantigas, refráns…
Trátase de realizar unha gravación das expresións orais e das formas de lecer na voz das “persoas portadoras“ que practican as diferentes actividades lúdicas e de lecer. Pódese acompañar a recolla con ilustracións ou documentación gráfica que aporten achegas á gravación.

O xurado valorará o rigor e o interese das recollas realizadas así como os materiais que as acompañen.

23 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión