XVIII Conferencia Rosa Luxemburg


Manuel París.-  

O pasado 12 de xaneiro tivo lugar en Berlín a Conferencia Internacional Rosa Luxemburg, que este ano acadou a súa XVIII edición. Entre os ponentes estiveron o escritor chairego Ramón Chao, que aclarou a relación do Don Quixote co comunismo, "cando este manifesta que Sancho Panza sabe que a xustiza debe ser colectiva, non pode de ningún xeito limitarse á autonomía individual". Tamén estivo presente Luís Merlote, presidente da fundación cultural Irmáns Sainz e Presidente do Arquivo Nacional de Cuba, que indicou que o Socialismo significa "igualdade de oportunidades e iguais dereitos para todos", ademais de  explicar con detalle os fondos cambios económicos e sociais que actualmente estanse a vivir na illa caribeña.

Pola súa banda, Carlos Insunza Rojas, responsable de Relacións Internacionais do Partido Comunista de Chile, resaltou o importante papel da mocidade chilena no progresivo espertar desta sociedade, que defende na rúa os dereitos á educación gratuita, á saúde e á paz. De seguido, o xornalista colombiano exiliado en Francia, Hernando Calvo Ospina, realizou un reconto histórico sobre o conflito colombiano, onde o pobo sempre loitou por "saúde, traballo e terra", pero os gobernos non atenderon ditas reivindicacións. 

Finalmente, Ignacio Ramonet, director da edición española de Le Monde Diplomatique, disertou sobre os medios de comunicación en América Latina e denunciou que seguen en mans das oligarquías reaccionarias. Segundo Ramonet, os medios privados teñen o obxectivo de facer caer a todos os gobernos de corte progresista na rexión. O xornalista rematou dicindo que "tanta liberdade de expresión non a puiden observar nos medios occidentais, que son tamén os donos destes".

________________
Foto de Christian Ditsh.

20 de xan. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión