Entre Heráclito e Penélope

Fermín Bouza.-

Penélope é un hermosísimo poema de Xosé María Díaz Castro (1914-1989), que retrata, cun fondo de saudade e melancolía, a lentitude dos bois arando e da mesma Galicia premoderna. Pero as cousas cambian ás veces, e ás veces tamén o cambio mantense. Politicamente, a Galicia conservadora dominou a súa historia moderna por completo, salvo pequenos períodos extraordinarios que non permitiron consolidar unha alternativa. Algún día a Galicia conservadora ha de deixar o paso expedito a outras opcións.

Hoxe perdería o PP en Galicia claramente (36 escanos fronte a 39 escanos da esquerda, nacionalista ou non: 22 escanos basicamente nacionalistas, con algúns de EU en liña moi similar, en AGE, e 17 do PSdG), segundo a enquisa de Sondaxe. Non hai eleccións e, por tanto, isto é só un dato referencial sobre o rápido desgaste do PP e como os temas da estratexia económica seguida e a presunta ou real corrupción están a afectar ao PP do estado e, consecuentemente, ao galego.

A destacar o paradoxo de que sexa na provincia onde máis problemas teñen de todo o citado, que é Ourense, onde o PP obtén o seu mellor resultado e a única en que gaña fronte a unha hipotética coalición dos grupos de esquerda.

Estes resultados non teñen por que ser extrapolables temporalmente, cara ao futuro: son, como toda enquisa, o reflexo dun momento de opinión, pero a cousa, é verdade, non pinta nada ben para o PP, nin hoxe nin mañá. A destacar tamén a boa forma do tándem Beiras/Yolanda Díaz, de AGE, e a súa capacidade para incrementar o seu voto día a día desde unha plataforma que aínda non está do todo a punto. O suficiente, en todo caso, para roubar votos e espazo político ao PP, sobre todo polo lado do liderado dun Beiras que segue o ronsel popular de Fraga e estase a converter nun referente tamén para as clases medias urbanas de novo tipo, as que están a definir o futuro de Galicia.

BNG e PSdG vanse mantendo nos seus números posteriores ás últimas eleccións autonómicas, e teñen espazo para subir se acertan cunha mensaxe clara e estimulante. O PP está ao albur de todo o que vaia ocorrendo no conxunto do reino. Todo se vai movendo, todo vai cambiando. Díxoo Heráclito hai moitos séculos: Panta rei.

A conquista do Vaticano

Ten algo exemplar a retirada de Ratzinger, pois non é o frecuente pero si o razoable. Vaian as miñas felicitacións por diante pola súa decisión. Na miña particular xerga relixiosa, este papa, como o anterior, son parte do período máis nefasto da historia moderna da Igrexa católica, e son, nesa xerga miña, dous papas ao servizo dunha idea satánica da propia Igrexa.

Chamo satánica á entrega desa igrexa a todas as forzas do mal presentes neste mundo a día de hoxe e, en particular, entrega ao capital máis indomesticado ao servizo dunha explotación desmesurada e sen fronteiras das xentes do pobo máis indefenso, e entrega tamén dese pobo ao clero máis extremista desa extrema dereita eclesial, hoxe maioritaria, e que separa á maioría do que a Igrexa puidese ter de liberadora. Entrega en xeral ás forzas do mal presente e participación activa na extensión dese mal.

Dominada no seu interior por pequenas seitas próximas ao Vaticano, ou por respectables organizacións que pretenden (e logran, ás veces) o seu control, a Igrexa leva xa longo tempo á deriva ética sen que sirva como referente real a case ninguén. Se todo necesita un cambio para un tempo novo, a Igrexa católica necesítao aínda máis. Váiase en boa hora o Inquisidor e veña xa outro Roncalli. Non caerá esa breva.


As conspiracións sacras

Mentres o PP comeza a mover algunha peza do inmenso enredo en que o meteu a corrupción que podería ter dentro aínda, os cronistas da convulsión xeral (de momento aínda controlada) nárrannos as conspiracións interiores dun Vaticano non menos convulso. Escápanseme os termos concretos destes eventos, e sospeito que Ratzinger, antes de quitarse do medio por fatiga, se cadra máis mental que física, deixou todo atado e ben atado para o Colexio Cardinalicio.

A Igrexa foi humana, demasiado humana, e non só en cuestións que causaron escándalo, como a sexualidade oculta, senón en cuestións como a riqueza e os seus "banqueiros de deus" e a parcialidade política en que derivou a súa cambiante teoloxía aplicada. Hans Küng, ex-compañeiro de Tubinga, xulgou decepcionante o papado de Benedito XVI, ao que esta retirada inesperada fai humano e próximo: estaba farto, din, farto de conspiradores e conspiracións. O que podemos chamar as "conspiracións sacras" por desenvolvérense neses ámbitos máis propios para a oración e a acción relixiosa en xeral, son tan materiais e humanas como calquera outras, e nelas debátese o mesmo que en toda conspiración: o poder ou algo do seu ámbito inmediato ou necesario.

É certo que no espazo sacro toda revolta, conspiración ou pecado se xustifican por un ben maior, e nada importa o mal inmediato. As organizacións sacras son sempre as peores inimigas neste sentido: teñen carta branca, e todo o que fan ten a bendición correspondente. A inxustiza, digamos, é xusta: divos quérea. Esta noticia da retirada de Benedito fíxome pensar de novo nestas cousas. Non son alleo a elas en ningún sentido.

17 de feb. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión