Alén do espello

Fermín Bouza.-

É difícil aínda comezar a prever de forma racional que consecuencias poidan ter para nós como persoas e para o mundo como sistema de nacións, clases sociais, usos económicos, crenzas, e tantas outras cousas, que consecuencias, digo, poida ter a crise actual, que é unha crise moi diversa e que engloba moitos niveis de actividade, desde o máis obvio nivel económico até o menos palpable nivel cultural.

Ás veces parece camiñar, a crise, cara a saídas populistas e fascistoides, e outras ofrece unha cara neodemocrática de moito interese. A incerteza vai pegada á crise, e non é posible saír dela aínda. A corrupción entre políticos neste reino parece abrir un camiño cara á revisión da política tal como se produce hoxe en día, pero a insensibilidade do PP cara aos seus propios e graves problemas e a dificultade do PSOE para afrontar cambios substanciais nos seus usos e costumes neutralizan calquera esperanza.

É coma se os políticos, en lugar de aproveitar o vento para airearse e renovarse, se subisen á refolada de aire das reclamacións da xente para fuxir dos problemas cara a outra parte, e imos descubrindo que esa parte é a vontade de ser iguais a si mesmos ao xeito dos que ven no espello e intercámbianse coa súa imaxe a un lado ou a outro do vidro axitado, segundo conveña, pero sempre idénticos a si mesmos. Ese acto narcisista define ben o que hoxe é a política e, sobre todo, o que hoxe é o desgaste da política.

Tempos de zozobra no Vaticano

Ratzinger xa non é Papa e o Vaticano entra nun período transitorio dominado pola figura de Bertone, o cardeal que manda en case todo ou en todo no que á Igrexa se refire. Fará un Papa á súa medida.

Todo o que puido empeorar para a Igrexa acabou empeorando. Creo que seguirá empeorando. Os datos que temos dinnos que a Igrexa católica vai ser abaneada, está a selo xa, polas mesmas circunstancias que están abaneando case todo no mundo. Outros poden pensar que é deus mesmo o que move os fíos para crebar o rumbo, digamos, diabólico, por usar a miña xerga.

Os últimos Papas non foron grandes Papas, agás para os máis conservadores de entre os fieis, pero en realidade limitaron extraordinariamente o alcance da Igrexa con posicións moi intolerantes, doctrinal e vitalmente, e deixaron medrar a mala herba no interior do templo. O Vaticano encheuse de seitas ou paraseitas que se afanan por dominar a Igrexa para os seus fins, e o estado de cousas fixo renunciar ao papado a un dos protagonistas, non por honesto menos daniño para unha igrexa que pide aire, luz e taquígrafos.


As antigas nacións

O federalismo era, nunha parte da esquerda histórica, a expresión dese punto de liberdade centrífuga, de ideas non dirixidas e de recoñecemento do feito nacional nas nacionalidades chamadas históricas e cuxos habitantes tiñan, entre outras características, a de falar unha lingua distinta. Os anarquistas chamáronse federalistas, e os comunistas apoiaron o dereito de autodeterminación. Os socialistas sempre foron máis renuentes a descentralizar, aínda que moitos dos seus militantes históricos eran próximos ao nacionalismo nas nacionalidades da república e aínda despois. Tamén na actualidade ocorre isto cos socialistas.

E ao fondo de tal cousa un debate interno sobre esa relación do centro coa periferia ou do centro do reino coas nacionalidades que se incrustan nel desde hai séculos. O que xustifica esa obriga de ser español é que unha maioría de habitantes deses pobos-nación quéreo así. Pero isto non é do todo certo: tanto en Cataluña como en Euskadi hai maiorías nacionalistas e desde hai moitos anos expoñen o seu contencioso diante do goberno de España.

Galicia non ten esas maiorías, e a parte nacionalista da conciencia política traducida en voto/resposta a enquisas `podería andar ao redor do 30% da poboación maior de idade. É outro caso no triángulo das nacionalidades. A contestación dos gobernos de España nunca foi moi satisfactoria, pero chegáronse a aprobar eses tres estatutos de autonomía na república. Era lóxico recuperalos na transición, pero Suárez enleouse e xeneralizou a situación, de tal maneira que ese chamado "café para todos" anulou a diversidade histórica asumida politicamente. E volvemos agora a empezar de cero.

O contencioso catalán hai que velo neste proceso. As actitudes dalgúns veteranos do PSOE son máis propias do longo soño central que nos deixou a ditadura que dunha reflexión de esquerda. Pero é necesario facer esa reflexión e perfilar dunha vez unha proposta medianamente aceptable de federalismo que satisfaga algúns desexos incumpridos neses tres lugares citados. Non resolverá o fondo do asunto, pero daranos as para pensar e seguir profundando. Hai un problema e ningunha solución que mereza ese nome. A actitude deses veteranos non é de recibo como cuestión de principio. Necesitamos que pensen e actúen, non que maldigan, e menos contra os seus pobos, supostamente. Pois iso.

3 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión