Expropiemos Pescanova


Xabier P. Igrexas.-

Logo da expatriación de Barreras que se materializará coa adquisición do 51% do seu accionariado pola paraestatal mexicana PEMEX, existe o risco real de que suceda algo semellante con outra das referencias punteiras da industria galega. A entrada en concurso de acredores de Pescanova, por mor dunha xestión moi cuestionada tras imputación xudicial do seu Presidente, Manuel Fernández de Sousa, -por vender a metade das súas accións pouco antes de entrar en concurso- fai perigar a continuidade deste importante grupo empresarial de matriz galega.

Acertaba a deputada nacionalista Carme Adán ao inscribir o caso de Pescanova nunha “primavera negra” para a industria galega. Xa que ao anterior habería que engadir a destrución de emprego en T-solar, Pórtico, Caramelo, Gamesa, Extel, e probabelmente en Unísono, amais do ERE nas auxiliares da automoción ou a total parálise do sector eólico. Síntomas ben notorios da ameaza de perdermos unha parte relevante da nosa base produtiva. Como corolario o único instrumento financeiro que queda en mans públicas galegas, o IGAPE, non cumpre nin de lonxe o seu papel como axente dinamizador da economía produtiva, polo que cobra forza de necesidade a súa conversión instituto de crédito oficial galego que palie a ausencia dunha banca pública no noso país.

O caso de Pescanova salienta nesta situación de queda produtiva xeral e de agudo esmorecemento industrial, polo seu carácter estratéxico. Falamos dun grupo empresarial integrado por 160 compañías, que conta con 85 buques pesqueiros, 30 plantas de transformación, así como un número significativo de instalacións acuícolas e que arestora representa o 23% e o 15% das cotas de mercado dos produtos do mar conxelados, no Estado español e Portugal respectivamente. Pescanova supón nada menos que 1.500 postos de traballo en Galiza, precisamente nun sector no que o noso país é punteiro.

Unha empresa privada, si, mais que ten recibido importantes axudas públicas e o soporte dun case inesgotábel financiamento a conta das caixas de aforro galegas. En 1995 esas axudas foron de 42 millóns de euros e evitaron a absorción da compañía galega por parte do grupo anglo-holandés Unilever. Asemade a Xunta de Galiza xa é accionista de Pescanova ao ser titular dun 9% da súa filial Frinova. De aí a imperiosa a necesidade de investigar, até o fondo, tanto o estado financeiro real da firma como sobre todo que uso se fixo desas importantes axudas públicas, a costa de todas e todos os galegos.

Neste senso, a comisión de investigación que o BNG vén de propor constituír no Parlamento permitiría arroxar luz sobre unha xestión opacada e marcada pola afinidade expresa entre Fernández de Sousa e Núñez Feijóo, quen en 2009 cualificaba nun acto público a Pescanova de “exemplo empresarial”. A boa avinza entre Fernández de Sousa e o Partido Popular é notoria e coñecida, como testemuña o teimudo golpeo contra o goberno bipartito do daquela presidente de Pescanova ante a decisión de non autorizar unha explotación acuícola en Cabo Touriñán. Afinidade, ou se se quer complicidade, que podería explicar tamén a negativa do Partido Popular a constituír a devandita comisión que por boca do seu voceiro parlamentar, Pedro Puy, consideran a priori “desnecesaria”.

Mais a necesaria investigación e a imprescindíbel depuración de responsabilidades non serán abondo para garantir a continuidade de Pescanova. A empresa enfróntase ao risco máis que real de ser esgazada en pedazos para facilitar a adquisición das súas marcas e cota de mercado por parte de transnacionais foráneas. Dado que o capital privado non ofrece as máis mínimas garantías de futuro para esta empresa -fundamental para a economía galega-, só a intervención pública pode evitar o seu despece e venda. Para alén de posíbeis avais a cargo do IGAPE, unicamente aumentando a participación da Xunta de Galiza no seu accionariado a través da expropiación, inda que sexa parcial -e na que haberá que deducir as achegas xa realizadas até hoxe-, como suxeriu o BNG se pode garantir o seu futuro. Participación que debe conlevar tamén unha maior presenza nos órganos de dirección da mercantil, como medio para a viabilizar, mudando asemade a estratexia neocolonial e esquilmadora coa que operou até agora.

Trátase, pois, de facer que Pescanova sexa nosa (do pobo galego), cando menos en parte, para evitármonos que acabe deslocada e absorbida por capital foráneo. Unha realidade que lamentabelmente é extensiva a boa parte do sector industrial galego.

28 de maio de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión