Redacción.- Compostela acollerá o vindeiro sábado 4 de maio a
presentación do libro Man, o alemán de
Camelle, sobre a vida e obra de
Manfred Gnädinger (1936-2002), o pintor e escultor xermano que
viviu durante anos como un anacoreta en Camelle (Camariñas), na Costa da Morte.
O acto, organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de
Estudos Chairegos, terá lugar a partir das 13 horas na Libraría Couceiro de Compostela
(Praza de Cervantes 6).
Man tratou de levar unha vida o máis simple e
natural posible, elaborando esculturas ao aire libre preto da praia onde vivía
e coidando o seu pequeno xardín. Naceu e pasou a súa infancia en Alemaña,
procedente dunha familia de sete irmáns e estudou arte en Italia. Impartiu crases
de arte en Suiza a persoas con problemas de integración social. O seu interese
pola preservación do medio ambiente e a curiosidade por coñecer a costa galega
conducírono á Costa da Morte. En maio de 1962 chegou a un Camelle inmerso nas
festas patronais do Espírito Santo, como se recolle no libro. Desde aquel día
aquel alemán solitario, educado, de bo aspecto e con certo aire de turista
acomodado, instalouse para sempre no pobo. Durante o desastre do Prestige en novembro de 2002, a mancha
de petróleo danou as súas esculturas. Crese que o Alemán deixouse morrer de
melancolía e tristeza.
A súa historia recóllese no libro Man, o alemán de Camelle (A Coruña,
Galebook, 2012), con textos de Beatriz Maceda Abeleira e ilustracións de Laura
Veleiro Suárez, que estarán presentes neste acto, que será conducido polo
xornalista Moncho Paz. A edición -coidada e ben maquetada- trata de achegar aos
máis novos a vida de Man, “para que manteñan vivo o seu espírito”.
Beatriz Maceda Abeleira (A Coruña, 1963). Mestra de educación
primaria, diplomada pola Escola Universitaria de Lugo e máster en Orientación
Educativa. Adícase á docencia desde hai catorce
anos e combina a súa profesión coa participación en congresos; tamén imparte
cursos sobre ensino global. A literatura é outra das súas paixóns.
Ten publicados relatos en revistas dixitais. Esta obra constitúe o seu primeiro
conto infantil sobre un dos seus “heroes silandeiros”.
Laura Veleiro Suárez (Xixón, 1970). Escritora e ilustradora,
principalmente de libros infantís. Despois de rematar os seus estudos
universitarios na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense
de Madrid, traballou xa en Galicia, no mundo editorial como redactora en
Hércules de Ediciones. No ano 2010 publicou o seu primeiro proxecto persoal Nubeman
baixo o selo de ECU Ediciones. As súas ilustracións e relatos abarcan temáticas
e estilos moi diversos, desde a concienciación ambiental aos temas fantásticos
e históricos. No seu traballo plástico emprega unha gran variedade de técnicas:
acrílicos, pasteis, lápis de cores, tinta; mais sobresae en especial o seu
gusto polas acuarelas e aguadas. O seu estilo reflicte a expresividade e o
contido de cada proxecto único, dotándoo dunha forte naturalidade.
0 comentários :
Danos a túa opinión