María Xosé Lamas.- Fúcheste en
silencio, cando o que máis adorabas era a palabra. A palabra na túa voz de Ricardo III, de Simbad
o mariño, no son dun saxo, no amor de pai, de esposo, de irmán…
Era marzo do 2003
cando contactei contigo. Precisaba un oferente para a Festa dos Pepes de
Vilalba na súa XLIII edición. Por primeira vez esta celebración -dende 1961- era presidida por unha muller.
Ese fito merecía unha posta en escena especial, e chameite. A túa resposta
afirmativa encheume de ledicia. Permanecerá sempre na miña memoria aquela cea
leda e distendida, moi distante das que se viñan facendo outros anos.
Lembro o impacto
que provocaches na miña filla Alba Sofía, daquela con só con sete anos, e á que
convidaches a presenciar a rodaxe de “Pratos combinados”. Non puideramos achegarnos, pero si a cantas
estreas facías en Compostela, con reserva de convidadas. Ese pulo que nos
inserías cada vez que te viamos actuar, as mesmas postas en escena de múltiples
pezas teatrais, fixeron medrar en nós o amor polo teatro ben feito. En min,
persoalmente, inxectándome enerxías para seguir adiante coa miña compañía de
teatro de Vilalba; á miña filla, amosándolle un mundo de posibilidades que
aproveitou , non só nos seus piniños como actriz, senón nos seu interese pola
imaxe e a comunicación audiovisual. Nunca saberei agradecercho en toda a súa
magnitude.
Agora afronto
unha tarefa difícil: borrar da axenda do meu teléfono móbil o teu número.
Fareino bagoando, seino. Pero ten por seguro que da miña propia memoria, como
da de outra moita xente, non te borrarás nunca. Até sempre, amigo
Pico!
0 comentários :
Danos a túa opinión