Moncho Paz.- Nun momento en que algúns autores, como Luis Goytisolo, consideran que o
xénero da novela está en declive ou en plena fase de extinción, aparece na
escena literaria hispana Luis Anguita Juega (Madrid, 1961), un fiscal que un
día decide poñerse a escribir e que recentemente publicou o seu terceiro libro:
Donde está tu destino (Barcelona,
Edic. Carena, 2013).
A súa querencia pola escritura foi totalmente espontánea. Antes da súa
primeira novela non escribira nada; unicamente pasáraselle pola cabeza a idea
de “teño unha historia que contar”. De feito, ás veces aínda pregúntase o
porqué do seu inicio na literatura e lembra aquela tarde de xullo, cando se puxo
fronte ao ordenador e pensou “a ver se me sae un conto ou un relato breve”.
Fíxoo en segredo e, sorprendentemente, empezou a gustarlle o que escribía e
apaixonouse coa idea. E pasaba na casa tres ou catro días, escribindo sen
parar, mentres a súa familia imaxinaba que aquel encerro era debido a cousas do
traballo, ata que lles confesou que estaba a crear unha novela. Durante meses
estivo enfrascado nesa historia e gozando moitísimo, ata en ocasións
emocionábase cos personaxes que creaba e así foi como aquel relato curto
converteuse de súpeto nun libro de 350 páxinas, a súa primeira novela: Mi lugar. Mi pequeño sueño, publicada en
2011.
Pero non remata aquí a cousa. Ao ano seguinte, en 2012, Luis sorprendeu outra
vez a propios e estranos cun novo libro: Siempre
habrá un lugar para soñar, con diferentes personaxes, historias
entrelazadas, distintos escenarios e lugares, construíndo así un relato
emocionante e inesperado, que o confirmou no panorama literario español e
deulle a coñecer ao gran público.
Donde está tu destino, a súa terceira
novela, de recente publicación, ten como denominador común coas anteriores o
feito de que aporta esperanza, é humana e tremendamente positiva no seu
desenlace. Porque Anguita Juega trata de reflectir que na vida nada é fácil,
que hai que loitar polo que se quere, ter dignidade e actuar dacordo con
valores, facendo o que un soñou sempre, porque a felicidade atópase nos
pequenos detalles.
0 comentários :
Danos a túa opinión