Redacción.- A Deputación de Lugo urxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a convocar unha xuntanza inmediata para consencuar o cofinanciamento dos servizos sociais en todos os concellos da provincia e da posta en marcha de políticas activas de emprego. Así o manifestaron Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo, e Pilar Porto, delegada de Economía, Recadación e Facenda do ente provincial, despois de que a Deputación fora convocada para mañá, martes 18 de xuño, á sinatura do convenio de servizos sociais e políticas activas de emprego, sen que este fora negociado e consensuado previamente entre ambas partes.
Outeiro denunciou que “o Partido Popular non está disposto a dialogar coa Deputación de Lugo sobre temas tan sensíbeis como a cofinanciación de servizos sociais e comunitarios municipais e a contratación de traballadores e traballadoras en paro” e explicou que “a pesar de que se celebraron xuntanzas entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e a Deputación, estes encontros foron infructíferos no senso de que o Goberno galego enviou a representantes sen capacidade negociadora e sen capacidade para tomar decisións.”
Durante a rolda de prensa celebrada esta mañá, Outeiro e Porto recordaron que “o ano pasado a institución luguesa presentou varios informes técnicos con alegacións aos borradores dos convenios que remitiu a Xunta, solicitamos, ata en 7 ocasións unha resposta aos mesmos, pero nunca nos respostaron e iso supuxo que quedasen sen asinar estes convenios e que os lucenses recibisen cero euros para servizos sociais e emprego da administración galega. Pola contra, coruñeses, ourensáns e pontevedreses recibiron máis de 13 millóns de euros porque Feijóo si dialoga coas súas deputacións”.
0 comentários :
Danos a túa opinión