O barro da Historia

Modesto Renda Santiso.- 

Dicía Maquiavelo que para que se produza un cambio social son precisos tres condicionantes; fortuna, virtude e necesidade. O ser humano non é quen de evitar que o río desborde e a iso chámao fortuna. No noso tempo a fortuna sería estrutura, isto é, as cousas que para nós son estruturais.


O segundo elemento que formula é a virtude. Para el, o príncipe virtuoso é aquel capaz de previr que o río pode desbordar e ordena a construción dun dique, de xeito que ante a imposibilidade de evitar que o río creza; pode impedir as funestas consecuencias que este feito provocaría na cidade. Nunha lectura actual, a virtude corresponderíase co actor político. 


Por último apunta á necesidade. Maquiavelo explica que Ciro nunca podería rescatar ós persas se estes non sentiran a necesidade de ser rescatados, do mesmo xeito que Moisés non tería liberado aos israelitas de Exipto se a estes non os guiara a necesidade de liberación. Necesidade como consiciencia de que necesitamos algo. Polo tanto, precisamos de condicións obxectivas, actores políticos e conciencia.

As condicións obxectivas son produto do devir histórico concreto dunha sociedade e desenvólvense independentemente da vontade dos homes. Teñen que ver coas penosas condicións de vida dos pobos, coa explotación que soportan as clases traballadoras e coa opresión política que sofren as masas. Son, polo tanto, circunstancias tanxibles, que poden ser cuantificadas e o único dos tres condicionantes que se cumpre actualmente no noso país. 



Podemos definir a crise do Estado Español como a incompatibilidade do actual modelo económico coa posibilidade de calquera atisbo democratizador, entendendo os programas de axuste como o mecanismo utilizado pola oligarquía para retornar ao anterior ciclo acumulativo e dar saída á crise do capital privado en España. Para levar a cabo esta empresa o bloque de poder precisa dun novo escenario xurídico-político, o que aceleraría o ritmo de descomposición da superestrutura institucional heredada do post-franquismo e sobre a que se edificou o réxime político deseñado na Transición. Se a isto engadimos os aspectos puramente ligados a sobredimensión do sector inmobiliario, así como a tradicional debilidade histórica do capitalismo español derivada da súa dependencia da financiación exterior como motor de crecemento económico, atopámonos nunha situación que supón na práctica a imposición dunha autentica ditadura do capital financieiro e a perda total da soberanía no deseño dun marco propio.  


A profundización das políticas de recortes, o continuo retroceso nos dereitos máis fundamentais así como a profunda regresión ideolóxica das élites gobernantes, provocan irremediablemente un recrudecemento do conflicto social, expresado nun aumento da movilización e da contestación popular, nas que  se vai xestando un bloque social alternativo entendido como o único actor político capaz de dar forma a unha gran alianza antineoliberal vertebrada polo movemento obreiro e sindical, os movementos sociais e a esquerda transformadora como referente político da cidadanía crítica e dos sectores populares tanto no frente institucional coma na organización da resistencia nas rúas. Falamos pois de liderazgos en plural que resitúen a contradicción capital-traballo como elemento central do debate político, nun momento no que se evidencia máis que nunca o maridaxe entre as forzas políticas maioritarias así como súa posición común na defensa dos intereses do capital privado. 


Pero de nada serven as condicións obxectivas e os actores políticos sen conciencia, sen que se produza un proceso de convencemento imperioso que impulse aos pobos e á xente a actuar. A devandita condición de subxectividade, a diferencia da material, non pode ser casual porque é sempre condicionada, preparada de antemán e pensada mesmo en momentos nos cales tan só opera na nosa imaxinación. Estas condicións subxectivas ou conciencia sempre están á espera de ser unha realidade, no que Jean-Paul Sartre denominaba o barro da historia. 


A resignación ante a realidade é maioritaria ao tempo que medra a indigación fronte a un réxime que podrece. O pobo aumenta día a día a súa experiencia enfrontado á realidade dun sistema que fai recaer a crise sobre as súas costas. Experiencia que xunto coas loitas que dela se deriven constituirá a base da concienciación social no noso país, o xerme da rebeldía como causa motriz dun cambio na correlación de forzas nun sentido emancipador, de clase e guiado por concepcións revolucionarias.

6 de ago. de 2013

1 comentários :

Danos a túa opinión