Moncho Paz.- Hai pouco máis de vinte e cinco anos
nacía en Vilalba a Agrupación Nacionalista (AN). O momento decisivo para a súa formación
tiña lugar co gallo das eleccións municipais de 1987; a maioría dos
participantes daquela iniciativa política trataron de desenvolver unha
plataforma común co obxectivo de rachar co bipartidismo existente ata entón.
Contra
todo pronóstico, AN foi a gran sorpresa nos comicios daquel ano, polos apoios
acadados e pola obtención dun concelleiro, quedando ás portas de conseguir o
segundo por unha escasa marxe de votos.
Podemos
dicir que aquel proxecto foi novedoso no seu tempo e tamén un antecedente
doutros movementos que xurdiron máis tarde coa finalidade de aglutinar
distintas sensibilidades da esquerda política e constituir unha oposición plural
aos gobernos de corte neoliberal, como a coalición radical Syriza en Grecia e
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Galicia.
Mentres
a Syriza autodeclarouse como un movemento ecosocialista, anticapitalista e
altermundista, os principios fundacionais da AN reconecían aquel proxecto como
unha alternativa nacionalista e de esquerdas, na que tamén tiñan cabida nacionalistas,
socialistas desencantados, comunistas, ecoloxistas, trotskistas,
socialdemócratas e galeguistas.
Aquela
iniciativa política, inédita na historia política da Terra Cha, foi un xerme de
novas ideas e mobilización social nuns anos de crise económica marcada polas
reconversións industriais. A actual Alternativa Galega de Esquerdas (AGE),
liderada por Xosé Manuel Beiras –Anova Irmandade Nacionalista– e Yolanda Díaz
–Esquerda Unida– lembra tamén a aquel proxecto de unión na esquerda, que concurriu
cun programa social anticapitalista e na defensa dos intereses da vila; unha
organización motivada para traballar para os cidadáns desde o Concello e frear a
política antisocial da dereita; formada por un equipo novo e motivado,
integraba a persoas con carisma político, persoal e profesional. E iso é precisamente
o que demanda agora a sociedade.
0 comentários :
Danos a túa opinión