Galicia e as políticas da PAC

Redacción.-

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, mantivo o 15 de xaneiro, unha xuntanza co ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, na subdelegación do Goberno en Ourense. Ao encontro, que tivo lugar ás 13:00 horas, tamén asistiron representantes das demais organizacións agrarias galegas, así como a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.

Boa parte da intervención de Isabel Vilalba centrouse en defender que a nova Política Agraria Común (PAC) se deseñe para manter e xerar emprego e riqueza no medio rural. Neste senso, chamouse a atención sobre o criterio de reparto das axudas en base ao número de hectáreas que teña cada explotación, o cal discrimina a Galiza, xa que no noso país predominan as pequenas superficies. Unha das consecuencias de todo isto é que a contía en axudas por activo máis pequena de todo o Estado é a dos labregos e labregas da Galiza. A pesares desta inxustiza, Cañete amosouse partidario de conservar o status quo actual no que o 20% dos perceptores levan o meirande dos fondos comunitarios para axudas e grandes fortunas como a duquesa de Alba, a familia Domeq ou Mario Conde seguen a estar entre os máximos beneficiarios.

En relación co anterior, insistiuse na necesidade de que se defina que é un activo agrario para que as axudas vaian, exclusivamente, a explotacións que se dediquen a actividades agrogandeiras e non a grandes propietarios que, de cotío, non desenvolven traballos relacionados coa agricultura ou coa produción de alimentos. Outra das propostas que Isabel Vilalba defendeu ante o ministro foi a posibilidade de que as axudas sexan progresivas, dirixidas a apoiar máis ás pequenas explotacións que, na situación actual, fican discriminadas.

En canto aos sectores produtivos galegos:

Leite: Vilalba chamou a atención sobre o impacto que terá a fin do sistema de cotas no sector lácteo no ano 2015; para daquela, insistiu a secretaria xeral do SLG, deberíamos ter artelladas outras medidas reguladoras do mercado alternativas que garantan un nivel de prezos dignos, xa que máis do 80% dos ingresos das explotacións depende do prezo a que cotiza o leite.

Carne de vacún: Caso distinto é o das explotacións de vacún de carne, a miúdo situadas en zonas desfavorecidas de montaña, onde son un factor fundamental de vertebración do territorio. Estas explotacións enfróntanse a un recorte da metade dos orzamentos destinados a axudas por vaca nutriz, un tipo de prima indispensable para as súas economías. Neste senso, Isabel Vilalba expresou a súa preocupación ao ministro polo futuro deste sector e das comarcas que dependen del.

Horta e viño: Outro dos sectores sobre o que incidiu Isabel Vilalba foi o hortícola, que está cobrando cada vez máis importancia no noso país habida conta de que é o maioritariamente elixido pola xente moza que se incorpora á actividade agraria, sendo unha saída laboral con futuro nestes tempos de crise e cun grande peso económico en moitas bisbarras galegas. A pesares da súa importancia, a nova PAC non recolle ningún tipo de apoio ao sector hortícola. Algo semellante acontece con sector do viño, onde se fala de quitar as axudas ou manterllas só a aqueles viñedos que as cobraron no pasado como primas á destilación de alcol de uso de boca; en calquera dos dous casos, os viñedos galegos tampouco cobrarían nin un céntimo da PAC.

16 de xan. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión