Premio Trasalba para Fernández Paz

Redacción.-

Os promotores do premio, que chega á edición 32ª e que será entregado na casa grande de Cima devila (Amoeiro), museo Ramón Otero Pedrayo, no último domingo de xuño, valoraron a dedicación do escritor Agustín Fernández Paz ao ámbito da literatura dirixida aos máis novos, "onde conseguiu unha recoñecida fama dentro e fóra das nosas fronteiras", dixeron.

O mesmo día no que chegaban a mans do escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) os exemplares da súa nova novela, A viaxe de Gagarin (Xerais. 2014) coñecía o autor o fallo, por unanimidade, do Premio Trasalba 2014, que concede a Fundación Otero Pedrayo, "despois de considerar as diferentes propostas recibidas tanto de fóra como da propia fundación", sinálase nun comunicado.

O Trasalba enriquece a longa listaxe de premios de Agustín Fernández Paz e que se compón, entre outros do Premio Merlín, Lazarillo, Ourense de Banda Deseñada, Edebe, Barco de Vapor, Martín Sarmiento, Xerais de Novela, Iberoamericano SM de Literatura Infantil, Anxel Casal, Losada Diéguez e o Premio Nacional de Literatura e varias veces o da Crítica, entre outros. Estivo tamén seleccionado en diversas ocasións na Lista de Honra do IBBY e recibiu o recoñecemento da AELG, Federación de Libreiros e Galix alén de ser doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, na relación inmensa á que compre engadir o aplauso de lectores e lectoras que fan de Fernández Paz o escritor máis recoñecido das letras galegas.

Entre os seus múltiples títulos atópanse Contos por palabras (1991), Rapazas (1993); Trece anos de Branca (1994), Cartas de inverno (1995), O centro do labirinto (1997), Aire negro (2000), Noite de voraces sombras (2002), Tres pasos polo misterio (2004); Corredores de sombra (2006), O único que queda é o amor (2007), Lúa do Senegal (2009), Non hai noite tan longa (2011), Fantasmas de luz (2011) ou o libro memorialísico O rastro que deixamos (2012). Coreano, árabe, chinés, italiano, inglés, bretón, español, catalán ou búlgaro son algunhas das linguas ás que se verteu a súa obra.

O escritor e presidente de Galix, Francisco Castro será quen lea a laudatio do premiado nunha xornada na que se entregará un libro homenaxe sobre o autor coa súa traxectoria literaria e biográfica.



30 de abr. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión