Antón de Guizán.-
Haiche xente para tódolos gustos. Digo esto porque teño escoitado de todo sobre a dedicatoria do día das letras a Díaz Castro, e o que é peor, a cargos públicos e mesmo a veciños, que sendo moi minoritarios, non deixan de ser indocumentados que no caso dos veciños pode ser perdonable pero nunca nunhas persoas que teñen calquera responsabilidade e representación pública.
Para que quede claro dunha vez por todas e saltandome calquera xustificación literaria que parece importar pouco ou nada a esas mentes pequenas, a dedicatoria das letras a un veciño dos Vilares, supuxo situar no mapa, no coñecemento do país e mesmo de ultramar á parroquia dos Vilares e ao concello de Guitiriz, algo que estaría fora das posibilidades dun concello pequeno en poboación e recursos e que deles dependerá saber aproveitalo noutros ámbitos despois deste ano.
As numerosas publicacións, audiovisuais, os traballos e estudos do autor e do seu lugar de procedencia, supoñen unha honra que non ten discusión posíble desde calquera punto de vista e ademáis desde unha perspectiva cultural e galega, pero ao tempo universal, nun lugar "pequerrechiño" que como decía o noso poeta, "o universo sería máis pequeno sin ti", algo moi dificil de entender para algúns...
Por sorte, a maior parte de veciños de Guitiriz, negocios, escolares e politicos están volcados con esta celebración e Díaz Castro é xa o seu veciño máis importante e ilustre por riba de envexas, críticas infundadas e comentarios que non merecen nin ser mentados.
Entendo, despois de escoitar certas críticas, que o lider do grupo británico Inmaculate Fools, Kevin weatherill, que resideu un tempo en Guitiriz, creara o tema "Cotillas" adicado a esa fauna existente en moitos lugares pero que aínda sobrevive en Guitiriz. Eses comentarios crìticos proceden desa especie que polo visto non precisa protección sinón máis ben batidas de caza polo ben do país e a súa cultura.
Esta casta de "cotillas" son selectivos e adícanse a criticar todo aquelo que destaca ou non entenden nas súas limitacións, e aínda que sobreviven con cotilleos no cotidiano, atópanse no seu habitat cando algo ten máis relevancia pública, e aínda que fastidia escoitalos, canto máis falan máis cativos se fan, no peor dos sentidos.
Díaz Castro está nunha altura ética e literaria da que os chairegos e galegos estamos orgullosos, e que grazas á dedicatoria das letras galegas aprendimos a coñecer máis e mellor e que provocou nos Vilares, en Gitiriz, na Chaira e Galiza, como cada ano co resto de adicatorias unha reafirmación a prol da nosa lingua e cultura e unha volta máis na defensa da nosa identidade como galegos, o resto é soedade...
0 comentários :
Danos a túa opinión