Lanzós, unha de dúas...

Antón de Guizán.-
Moita xente de Vilalba e concellos próximos saben da existencia de Lanzós, o meu lugar de nacemento, pero cando se fala de Lanzós, a maior parte pensa nunha parroquia, na igrexa de San Martiño, no adro, a súa casa escola habanera, o cimeterio chairego, o sindicato, o vello palco da música, as casas e antigas tabernas como a do David...
Pero Lanzós non é unha, son dúas, a nomeada de San Martiño e a coñecida como A Pequena, San Salvador, que conserva a súa igrexa e que no censo de 1991 contaba  con 57 habitantes e hoxe apenas está poblada. A parroquia da Pequena en Lanzós ten menos dun km cadrado de superficie e conta cos seguintes lugares: O Brañón, As Gateñas, Ichazas, A Igrexa Pequena, O Carballal e A Pereira.
San Salvador non é só unha parroquia desde o punto de vista relixioso, sinón que é tamén no administrativo  municipal e así consta en toda a documentación. Sabela Figueira no seu libro Os Espazos da Memoria sobre as parroquias de Lanzós, fala deste curioso caso.
Conta a miña nai, Inés de Guizàn, que "ivamos á misa da Pequena porque era máis cedo e así quedaba máis tempo libre para as labores e para o divertemento" e comenta que a da Pequena "non é unha capela, que é unha igrexa" con certa fachenda ao referirse ao templo.
Foi o libro sobre as parroquias de Lanzós de Sabela Figueira o xerme da recuperación hai poucos anos, da festa de San Salvador a finais de Xullo, unha romería campestre tradicional co clasico polvo, xantares familiares, música e unha misa á que hai que trasladar o santo despois do expolio da terraigrexa que levou da Pequena os santos todos e o retablo para deixala sen imaxes relixiosas.
Xosé Sidro Fdez. Vilalba fala do censo da Pequena no ano 1809 no xornal Terra e Tempo, nunha transcrición literal da época, e Cristina Carpe Diem fala dos últimos habitantes da familia Román no relato O Pazo, casa grande nesa parroquia, hoxe desabitada. Pero como xa decía antes, foi Sabela Figueira a principal estudiosa da súa historia a través cos contos e lendas dos paisanos da zona.
A  Terra Chá, conta con historias reais moitas veces descoñecidas para moitos pero que enchen de interés e atractivo a historia chairega como é esta de Lanzós, un nome, dous santos, dúas parroquias e dúas igrexas. Por eso, os de Lanzós, valemos o doble...

12 de xuño de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión