Antón de Guizán.-
Os que quedamos nacidos na aldea sempre tivemos unha fonte ao lado da casa e no meu caso, no Coto, no barrio de Ferreira, en San Martiño de Lanzós a nosa fonte era a Fonte do Espiño.
As casas de Guntín, a do Miragaia, e as da miña teibu, no Coto colliamos a auga para beber nesa fonte da que decían ter propiedades curativas, como tantas na Terra Chá.
Lembro sempre o caldeiro e a xarra para beber no vertedeiro da cociña, esa auga fresca, sabedora, que tamén se collía no porrón para levar ao prado na sega ou ás leiras nas labores do verán no campo.
Acordo a Pilar de Guntín, familia directa da poeta e escritora Pilar Maseda, que pasaba a diario cantando camiño da fonte por diante das casas e polo camiño estreito do Vilar entre as leiras.
Aínda estiven alí hai poucos días e sigue debaixo daquel vello carballo que o asombra e lle da frescura aínda que o entorno ten mudado, levando a poucos metros unha depuradora dunha granxa que afea a fonte e teñena tapada con unha porta de cristal e medio ocupada de vexetación sin limpar.
Contaban que a fonte perdeu propiedades na época da mina de ferro do bieiro, pero a min sempre me pareceu unha auga milagrosa e sabedora, aínda hoxe.
Pola Pascua, visitei nunha ruta sobre Díaz Castro, mos Vilares, a fonte do Vilariño, onde ía a diario o mm poeta, e hai poucos días, a fonte dos Ramos que é tamén manantial de orixe dun río.
Os que temos fonte somos afortunados a pesares do seu abandono actual. Foron fundamentais na vida doutros tempos, na saúde e na lembranza. A fonte do Espiño foi testemuña da historia dun lugar, como tantos no país con costumes comúns a cada lugar de cada parroquia chairega, galega.
Os das casas de Ferreira que bebimos desa auga sqbemos que é realmente sangue que nos une máis aló do tempo e da distancia porque os que levamos no corpo auga do Espiño somos para sempre dalí onde nos atopemos, en Ferreira, Vilalba, A Coruña ou Australia.
0 comentários :
Danos a túa opinión