Redacción.- A
banda vilalbesa de punk rock Mi perro Vincent
está formada por Luis (guitarra e voz), Pablo (guitarra), Cas (baixo) e Alberto
(batería), catro amigos unidos “pola música, os cómics, o cinema e as cañas”,
como eles mesmos se definen. As súas influenzas musicais son Ramones, The Queers,
Los Nikis… Sacaron a súa primeira maqueta
no ano 2011, tras varios anos de concertos; estaba integrada por cinco temas
grabados de forma caseira, obtendo unha boa resposta por parte dos seus seguidores
e o público en xeral. Posteriormente colaboraron en recopilatorios de Estados
Unidos, México, Arxentina, Barcelona e incluso conseguiron quedar finalistas
-por votación do público- no concurso de 43 Music a nivel do Estado español. “Ata
tivemos que sacar unha segunda edición dixital deste traballo. Agora seguimos
dando concertos por Galicia, León, Asturias… e preparando os temas que forman
parte do o noso primeiro disco”, apunta Alberto.
En
decembro metéronse no estudo para comezar a grabación deste disco, arranxo e
produción baixo a batuta de Jesús Iglesias, responsable de Estudos Primarios. Puxéronse
en contacto con Juan José Ryp, por Facebook, sen coñecelo persoalmente pero
sendo fans absolutos do seu traballo. A súa resposta foi inmediata, non só
accedeu a realizar a portada de xeito desinteresado, senón que se implicou moito
máis do que eles podían imaxinar. “Enviámoslle as cancións para inspiralo e
foinos mandando cada avance do traballo. O resultado foi alucinante, con
referencias a todos os nosos temas, filias e fobias. Ademais de bo artista, é
mellor persoa”, afirman case ao unísono todos os membros da banda.
Nas
súas cancións (píldoras de punk rock cheas de melodía) podemos atopar
referencias ao mundo do cómic, do cinema e da música, sempre con moita ironía e con moito humor. Tamén grabaron a súa primeira canción en galego (“Méteo non cú”).
A
distribución do disco vai por conta de Picnic Records de Barcelona e eles
mesmos encárganse de facer un magnífico labor de difusión a través de miperrovincent@yahoo.es e www.facebook.es/miperrovincentpunkrock.
0 comentários :
Danos a túa opinión