Martiño Maseda.- No camposanto de
Outeiro de Rei o lenzo da tarde tinguíase por momentos con matices agrisados,
mais os raios do sol diluían co seu intenso fulgor a sutil penumbra que tiña a
ousadía de colorear, de xeito disimulado, o rostro da beleza natural. E alí
estabamos para render homenaxe á palabra, feita poesía, feita cultura, feita
país. A palabra no tempo fóra do tempo. A palabra feita terra inocente, pura, inexorábel. E alí nos atopabamos para
sublimar outro día máis doutro ano máis a figura do Manuel María. O carballo
baril, a voz inmarcesible da Chaira. No décimo cabodano do seu pasamento, a
tribo xuntouse ao redor do seu leito eterno para acompañalo nesa longa viaxe do
espírito pola memoria dos que temos saudable morriña da súa figura e da súa
linguaxe poética.
Arreo, a voz indómita e decidida do David Otero convidounos a
gardar silencio para escoitar como se achegaba a nós o carro do Manuel nas voces afoutas do Mini e do Mero, ás que
sumamos as nosas para converter en máis universal ese canto poético. Polo
océano da ledicia navegaron versos e rosas, amizade e rebeldía. Expresión da
galeguidade inherente á nosa matria. No
Manuel, de seguro que medrou o contento pola nosa agarimosa presenza.
Aboiando nas augas
transparentes da fraterna reivindicación camiñamos cara á carballeira de Santa
Isabel para celebrar o rito da navalla,
entregándolla nesta ocasión ao Felipe Senén e in memoriam ao Suso Vaamonde,
outros dous paradigmas de como enxalzar a cultura, a historia, a lingua da
Galicia que nos constitúe e nos dignifica. Encetando o solpor doutro oito de
setembro, os fillos da tribo galega comungamos con pan, queixo e viño,
acompañados pola música que xurdía dos nosos corazóns e que ía escribindo as
súas notas no pentagrama das árbores que medraban cara ao ceo dos seres libres,
aló enriba onde nos alenta cos seus versos de loita e resistencia o Manuel
María da Terra Chá.
0 comentários :
Danos a túa opinión