Crítica: A Esmorga

Paulo Naseiro.-

Eduardo Blanco Amor compuxo con A Esmorga un maxistral retrato do pesimismo existencial e a autodestrución. Esta é, probábelmente, unha das obras cume da literatura galega, que viña pedindo dende hai anos unha adaptación cinematográfica.

Tentouno Gonzalo Suárez en 1977 (La Parranda), con resultados máis ben desiguais, a pesares de contar cun bo reparto encabezado por José Luís Gómez, José Sacristán e Antonio Ferrandis, compoñendo un filme deslabazado e decepcionante.

Ignacio Villar, director das populares Pradolongo (2008) e Vilamor (2012), abordou unha nova adaptación do clásico de Blanco Amor cunha evidente pretensión de fidelidade a un texto case canónico para os lectores galegos e, por tanto, pouco dado a experimentacións, o cal é de agradecer. A Esmorga requería esta fidelidade á novela e, sobre todo, uns protagonistas capaces de evocar unhas personaxes complexas maxistralmente construídas polo autor ourensán.

É aquí, na escolla do reparto, onde Ignacio VilLar asenta unha obra ben argallada. Miguel de Lira no papel de Cibrán O Castizo, Karra Elejalde como Xanciño O Bocas e, sobre todo, Antonio Durán “Morris” como Aladio Milhomes compoñen soberbias interpretacións dunhas personaxes que esvaran, en a penas corenta e oito horas, por unha pendente de autodestrución da man da augardente. Todo o demáis, unha coidadísima ambientación, unha máis que boa fotografía ou as interpretacións secundarias que acompañan o itinerario fatal do trío protagonista –destaca Sabela Arán no papel de Socorrito -, compoñen un filme de moita altura.

Dúas notas que non estragan o resultado final, pero a ter en conta: a excesiva metraxe que ás veces fai decaer un pouco un ritmo narrativo polo demáis ben axustado, e unha banda sonora composta por Zeltia Montes que, ou ben non lle acae ou, se cadra, non acaba de estar ben integrada no filme.

O innovador sistema de distribución da produtora, que trata de achegar os seus filmes a todos os recunchos por fora da distribución convencional nas cada vez máis escasas salas de cinema, vai poñer A Esmorga ao alcance dun amplo público. Así que, non perdan a ocasión de disfrutar do que pode chegar a ser un clásico do cinema galego.

24 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión