Redacción.- Un ano máis, con motivo do Día Internacional
pola Eliminación da Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas
de Galicia (CPXG) quere expresar o seu rexeitamento á violencia machista en
calquera manifestación que adopte.
A violencia de xénero representa a día de hoxe un dos
principais problemas sociais e políticos do noso tempo, e debe contemplarse
como unha vulneración gravísima dos dereitos humanos. Esta violencia, fruto do
modelo patriarcal instaurado na nosa sociedade, vai máis alá da violencia
física, para manifestarse como violencia estrutural, simbólica, cultural,
económica e institucional nas distintas agresións, asasinatos, abusos,
violacións, acosos, discriminacións e micromachismos que sofren a diario as
mulleres.
O CPXG quere aproveitar o Día Internacional pola
Eliminación da Violencia de Xénero para reiterar o seu compromiso contra a
lacra da violencia machista, e instar aos medios de comunicación e a sociedade
en xeral a practicar a tolerancia cero e o rexeitamento social frente a todas
as manifestacións que adoptar esta violencia.
Para
acabar con esta vulneración dos dereitos e as liberdades das mulleres é
necesario fomentar a súa visibilización, así como unha concienciación social
sobre as dimensións do problema, as súas raíces e as súas consecuencias. Neste
labor, no que ten que colaborar toda a sociedade, teñen un especial papel os
medios de comunicación e o conxunto das e dos xornalistas.
É
necesario aplicar na práctica diaria as recomendacións para a mellora no
tratamento da violencia de xénero recollidas na Declaración de Compostela,
asinada en 2004 por profesionais da información e expertas e expertos no
tratamento da violencia machista. Esta Declaración chama a unha abordaxe da
violencia machista con compromiso e responsabilidade social, con respecto á
intimidade das vítimas, que sexa útil para a sociedade e que non esqueza que o
fondo do problema está na estrutura patriarcal da nosa sociedade.
Loitar
contra a violencia machista é loitar pola igualdade das persoas é contra a
discriminación de xénero na nosa sociedade e ese é un labor do que todas e
todos temos que facer parte. As e os xornalistas, como profesionais dos medios
e como persoas, temos que cumprir coa nosa responsabilidade nese sentido.
Acabar con esta lacra é tarea de todas e todos.
0 comentários :
Danos a túa opinión