Moncho Paz.- Co artigo "De lazos e perfís", hoxe incorporouse ao noso panel de
colaboradores o prestixioso xornalista Germán Castro Tomé, máis coñecido na nosa profesión como Man. Del podemos dicir
moitas cousas, especialmente que sempre foi un profesional coherente, inquedo e
comprometido co seu tempo. Foi fundador e director do Diario de Ferrol, promotor
do Club de Prensa de Ferrol (do que é actualmente presidente de honra),
fundador e director da revista Ferrol Análisis,
impulsor do certame de fotoxornalismo Galicia
en Foco e tamén do Curso de Pensamento Contemporáneo Carlos Gurméndez.
Man é un profesional do xornalismo que tivo -ao longo da súa dilatada
carreira- responsabilidades en diversas áreas, nas que acadou unha gran
aceptación, tanto por parte do público como dos seus compañeiros. De feito, fixo
escola para moitos xornalistas, que somos viva testemuña da súa defensa da
ética xornalística, o rigor e a procura da verdade, ao marxe das presións
propias dos axentes sociais e os partidos políticos.
Germán Castro sempre estivo en primeira liña profesional. Comezou con 17 anos, cando “non tiña nin diñeiro para xornais”, segundo confesaba nunha ocasión. Estivo fondamente implicado en movementos veciñais de Ferrol con afán humanista, que aprendeu no Seminario de Mondoñedo, no que cursou cinco anos de Latín e Humanidades e un de Filosofía; posteriormente revalidou o Bacharelato Superior e realizou estudos de Maxisterio. Traballou no desaparecido Ferrol Diario, en El Ideal Gallego e no Faro de Vigo. Foi correspondente de El País, Radio Nacional de España e crítico deportivo da desaparecida Hoja del Lunes de A Coruña.
Tras dezaseis anos en La Voz de Galicia, en 1999 embarcouse na aventura
de dirixir Diario de Ferrol, “un gran proxecto que saíu zurrando duro con
trinta e cinco páxinas de información local. Cando chegaron as presións,
sabiamos que eramos importantes nunha cidade difícil”, lembra. O seu papel no
xornal sempre o calificou como un compromiso persoal coa cidade que o viu nacer.
En 2013 foi galardoado co premio Diego Bernal, concedido pola Asociación de Periodistas
de Galicia, en recoñecemento a toda unha traxectoria no mundo do xornalismo e da comunicación. E
hoxe A Voz de Vilalba acolle a súa
pluma con ledicia a agradecemento, polo seu interese en colaborar connosco
neste proxecto.
0 comentários :
Danos a túa opinión