De lazos e perfís

Germán Castro.- 

Escribir en A Voz de Vilalba é tender unha ponte cara ás miñas raíces. Por iso agradezo a invitación do meu amigo e colega Moncho Paz. Son nado en Ferrol e nesta cidade desempeñei sempre a miña profesión de xornalista, incluído certo compromiso persoal coa cultura e a sociedade. Pero polas miñas veas só corre sangue chareigo, xa que os meus pais son ambos dos Vilares de Guitiriz, emparentados para máis datos, co poeta Díaz Castro, homenaxeado este ano como figura das Letras Galegas. A nai de Xosé María e o meu avó paterno, Nicolás dos Manchás, eran irmáns.

Digo isto, primeiro porque é unha honra para a familia, algo que é obvio, e segundo porque acentúa, ou iso penso e sinto, os meus lazos coa Terra Chá. Aínda que estiven nalgunha ocasión co poeta, non podo afirmar que tivese unha gran proximidade con el. (Na foto que ilustra este comentario estamos a familia Castro Tomé -son o terceiro pola dereita-  na voda dun irmán meu en Madrid (1967) a que asistiu o poeta, primeiro pola dereita). No entanto, a figura de Díaz Castro vai comigo desde a máis tenra infancia. O meu pai, primo do bardo chairego, púñanolo sempre como exemplo de superación no profesional e de sensibilidade e talento no eido da poesía.

Cando o meu proxenitor observou a miña tendencia polo oficio de xornalista, que descubrín moi pronto,  repetiume o que en moitas ocasións anteriores dixérame "A ver se imitas ao primo poeta que vive en Madrid". Xa me gustaría, non xa conseguir o seu nivel, impensable desde todo punto de vista, senón simplemente balbucear un pouco nese máxico universo da creación poética. Pero, un par de puntos en común si temos, ademais dos lazos de sangue: os dous militamos na palabra escrita e os dous pasamos polo "filtro" do Seminario de Mondoñedo, salvando, claro, as distancias no tempo.


E no que respecta á xenética teño que confesar que me recoñezo nalgúns trazos acusados do seu perfil, que tamén se mostraban moi presentes no meu pai. Por exemplo, a timidez, que eu tiven que superar necesariamente polo traballo de xornalista e o gran temor do ridículo que nos impele a que practiquemos un alto grao de autoexigencia en todo o que facemos con repercusión pública. Á marxe destes apuntamentos moi subxectivos, para rematar invocarei ao columnista da Voz de Vilalba, Antón de Guizán, nobre fillo de Lanzós, que nun artigo que titulaba "Ser chairego, unha honra" (02-09-2014) tivo o xeneroso xesto de incluírme na relación con outras personalidades adxudicándome o carné de chairego por razóns de sangue, rango do que me prezo á vez que xubiloso coa maior humildade.

26 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión