II Encontro sobre os impactos da minaría

Redacción.-

A plataforma ContraMINAcción presentou antonte, 5 de novembro, en Lugo, o II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría, que se celebrarán nesta mesma cidade no local do Centro Social Madialeva, na rúa Ancares 18 (Lugo), o sábado, 8 de novembro. Desta maneira, ContraMINAcción dá continuidade ao primeiro encontro destas características, que se celebrou en Compostela en febreiro de 2013.

As persoas encargadas de presentar os encontros -Xoán Doldán, Marcos Celeiro e Margarida Prieto1- coincidiron en sinalar a pertinencia deste evento, habida conta de que hai varios conflitos abertos na Galiza por minas en activo, e unha grande cantidade en forma de proxectos que ameazan o noso territorio e algunha das súas principais actividades económicas, como a agricultura e a gandería. Dende este punto de vista, Marcos Celeiro sinalou que “estes conflitos teñen moito que ver coa actitude da Administración Galega que, nos últimos anos ten facilitado a explotación mineira con mudanzas lexislativas”. Neste senso, cómpre destacar o borrador da Lei do Solo ou Plan de Actividades Extractivas.

A elección de Lugo para celebrar este encontro non é casual, xa que esta provincia ten sido escenario de importantes protestas sociais contra a actividade de empresas mineiras, e vaino seguir sendo por mor dos moitos proxectos extractivos que se queren levar a cabo no futuro. Por iso, no programa do encontro estará centrado en conflitos como o da extracción de cuarzo na Terra Chá pola empresa Erimsa, a actividade de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella (Triacastela), ou a minaría aurífera que, aínda tendo as miradas postas en Corcoesto (A Coruña), ten tamén varios proxectos en marcha en terras lucenses.

Para abordar toda esta complexa e variada problemática, ContraMINAcción estruturou o Encontro en catro grandes bloques que comezarán con palestras de expertos e expertas e persoas e colectivos afectados pola minaría, e continuarán con diálogos e debates coas persoas asistentes:

10:00 a 11:30 / Minaría e patrimonio. A problemática da mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.
Marcos Celeiro, Asociación O Iribio (Triacatela) e André Pena Graña, doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC.

12:00 a 13:30 / O conflito de Corcoesto e a minaría aurífera en Galiza.
Paco García, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.
Guadalupe Rodríguez, Salva a Selva.

16:00 a 17:30 / Minaría e agricultura na Terra Chá.
Rosa Morán, veciña afectada de Muimenta.
Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra as minas no Sindicato Labrego Galego.
Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

18:00 a 19:30 / Lexislación mineira e alternativas
Benedito Álvarez García, profesor de Ensino Secundario e experto en lexislación urbanística.
Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada e presidente de Véspera de Nada.

7 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión