Redacción.- O vindeiro sábado, 8 de novembro, o Pazo Provincial dos
Deportes de Lugo será escenario dunha xornada de tecnificación deportiva de
loita a nivel autonómico, á que acudirán a formarse uns 35 deportistas de toda
Galicia. Esta actividade, organizada polo Club de Loita Lugo en colaboración coa
área de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, servirá para “mellorar
a formación técnico-táctica dos deportistas”, explicou Pablo Pintos,
adestrador e presidente do Club de Loita Lugo, que asistiu á presentación
acompañado de Nicolás López Gradilla, un dos loitadores con maior proxección da
entidade da cidade amurallada.
“Unha vez máis
poñemos o Pazo a disposición de todas as modalidades deportivas, sobre todo a
disposición de deportes minoritarios. Xa semanas atrás houbo unha competición
de jiu jitsu e este fin de semana, en colaboración co Club de Loita Lugo, vai
haber unha xornada de tecnificación deportiva e de educación”, sinalou
Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación, quen tamén destacou que“entendemos
que é importante que se visualicen todos estes deportes que non saen todos os
días nos medios de comunicación, pero si que están facendo unha labor de suma
importancia, como a que está levando a cabo esta entidade de Lugo”.
Entre os deportistas que van desprazarse este sábado a
Lugo atópanse loitadores das categorías cadete, júnior e sénior. Todos eles
traballarán de forma conxunta nun adestramento dirixido para formar e pulir ás
novas promesas da loita en Galicia. Buscarán unificar o traballo específico
deportivo e a lograr adaptación ao novo regulamento das loitas olímpicas. A
xornada de traballo desenvolverase en dúas sesións. Pola mañá, de 11:30 a 13:30
horas, e pola tarde, desde as 16 ás 18 horas.
Os encargados de dirixir os adestramentos serán Iván
Castro Seone, adestrador estatal de loita e de deportistas preolímpicos, e
Rubén Méndez Lois, seleccionador galego de Loita Grecorromana, dous técnicos
dun nivel totalmente contrastado. “O
traballo con grandes adestradores ten unha connotación moi positiva, difícil de
atopar noutros eidos formativos”, remarcou Pablo Pintos.
Asemade, destacou que “temos a grandísimos profesionais, que non valoramos nunha escala
obxectiva como se merecen. O que fan nos seus clubs e na loita en xeral en Galicia,
tanto Iván Castro como Rubén Méndez, é unha milagre na mellor relación
recursos/resultados do noso deporte”, puntualizou Pintos.
O adestrador do Club de Loita Lugo, comentou que “todos os participantes nesta xornada son
medallistas nacionais e na mesma dámoslle cabida ás tres modalidades olímpicas
de loita: a libre olímpica, a grecorromana e a feminina”. Finalmente,
Pablo Pintos agradeceu a colaboración da área de Deporte do organismo
provincial. “Este tipo de actividades
son de grande interese para todos os deportistas e adestradores, xa que a
formación continua no deporte é a base fundamental do éxito, pero as
dificultades na organización mítiganse grazas á colaboración da Vicepresidencia
Primeira da Deputación, que facilita e dinamiza este tipo de actividades de
formación deportiva”, asegurou.
O sábado estarán representados nove clubs galegos nesta
xornada de tecnificación. Xunto á entidade anfritriona participarán as
seguintes entidades: Clubs Kuzushi de Vigo, Club “El Castro” de Vigo, Atila
de Ourense, Club de Loita Pontevedra, Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces,
Club Stellae de Compostela, Club de Loita Rábade e Club de Loitas
Olímpicas de Vilalba.
0 comentários :
Danos a túa opinión