Fermín Bouza.- Nunha primeira ollada
ao barómetro do CIS non vexo grandes cousas que non estivesen anunciadas, aínda
que as diferenzas con enquisas máis recentes son notables. Antes de falar de
voto destacaría dúas cousas: o PP é situado pola enquisa no lugar 8,24 na
escala dereita/esquerda de ubicación de partidos. Iso é a terra de ninguén
entre a dereita máis dura e a pura extrema dereita. Asemade, o votante medio
sitúase nunha autoubicación de 4,41 na mesma escala, e sitúa a Podemos no 2,43,
ao PSOE en 4,61 e a IU en 2,67. Isto é moi significativo sobre o que está pasando:
votantes dun partido ao borde da extrema dereita cambian a súa intención de
voto a Podemos, ao que sitúan ao bordo da extrema esquerda.
Isto non parece un
capricho nin un enfado momentáneo, debe responder a procesos de auténtico
desclasamento nas clases medias e medias-altas, feridas en moitas cousas pero,
sen dúbida, nos seus ingresos no fogar, incluíndo aos fillos (parados, en boa
parte), etc. Non é estraño que arredor do 60% dos consultados na enquisa de
clase media e media-alta diga que non votará nunca ao PP, unha cifra moi
superior aos que din o mesmo nesas clases sobre Podemos.
E estamos ao borde do
misterio que ningunha cociña demoscópica pode obviar: o novo en todo isto é que
a desafección ao PP vén das clases acomodadas, que acumulan unha porcentaxe de
rexeitamento similar ao das clases populares. É un voto perdido que vai unido a
unha caída económica familiar: non volverá ese voto, polo menos ata que haxa
unha forte recuperación económica nesas clases que daban o seu perfil á dereita
histórica. Pasáronse ao outro bando: a confrontación civil está moi lonxe, se
tomamos esa referencia racional. E o voto? É unha enquisa anterior á Operación
Púnica, que tanta desafección está a crear nas bases electorais do PP, e iso
tradúcese na conservación do voto estimado, que nas enquisas posteriores
derrubouse ao terceiro lugar.
Neste sentido, a
enquisa non aporta máis novidades que unha paisaxe xa coñecida ata hai uns
días. Xa cambiou, e fíxoo na dirección prevista, aquela que pode seguir
marcando tendencia. Agárdannos grandes emocións. Por certo, non hai como
queixarse, e eu onte facíao de min mesmo. Deseguida recibín consolo e alento
para as miñas particulares neuras, pois non me acontece nada importante. Grazas.
É que onte foi un día estraño, coa entrada brusca nas sombras otoñais e nos
túneles que levan ao inverno. Hoxe volveu o sol, aínda que con frio.
0 comentários :
Danos a túa opinión