Galiza non é unha mina

Redacción.-

Se algo quedou claro no II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza é que todo o noso territorio está ameazado pola proliferación de proxectos mineiros en fase de permiso solicitado, concedido, de exploración, etcétera, que se suman ás explotacións de mineral xa en activo. E para iso, moitas empresas mineiras non só realizan a súa actividade saltándose a legalidade vixente e destruíndo espazos como solos rústicos de protección agropecuaria, reservas da biosfera ou Rede Natura; senón que, no caso concreto de Cementos Cosmos, tamén pasaron á represión dos e das activistas que denuncian estas ilegalidades. Ese foi o caso do noso compañeiro Marcos Celeiro, presidente da Asociación Cultural O Iribio, de Triacastela, que denunciou esta empresa por estar a desenvolver a súa actividade sen os permisos e licenzas pertinentes e se atopou cunha demanda da cementeira de 45.000 euros máis as costas xudiciais do proceso.

Dende o II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza, tódalas organizacións e colectivos que formamos parte da Plataforma contraMINAcción solidarizámonos con Marcos e o resto de activistas do Iribio que están ameazados e ameazadas. Diante da actitude de Cementos Cosmos, dende contraMINAcción queremos lanzar unha mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira: nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen nin o feito de que, coa complicidade do Goberno da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca.

Precisamente, este último feito foi un denominador común das diversas análises que se fixeron no Encontro sobre porxectos mineiros como os que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá ou Edgewater en Bergantiños, ou explotacións en marcha como a de Cementos Cosmos en Triacastela. Estes exemplos deixan ben claro que a destrución irreparable do noso patrimonio e dos postos de traballo que provoca a minaría salvaxe sáelle infinitamente máis cara á sociedade galega que os lucros particulares que obteñen desa explotación os accionistas dunhas empresas que, na maior parte, adoitan ser estranxeiras. E falamos da Terra Chá, de Bergantiños e Triacastela, pero tamén poderiamos engadir á lista importantes bisbarras dende o punto de vista medioambiental ou agrario como A Fonsagrada, O Courel, Barbanza, a Serra do Galiñeiro, Ordes, A Limia, etcétera.

Polo demais, o II Encontro sobre os Impactos da Minaría, amais de analizar os principais conflitos abertos na Galiza, tivo unha parte didáctica na que as persoas asistentes se formaron en lexislación urbanística e medioambiental de cara a ter ferramentas para investigar os atentados da minaría salvaxe contra os nosos bens comúns e acadar, a maiores, a capacidade para levar adiante procesos de denuncia contra as empresas infractoras.

9 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión