O Defensor que non defende

Redacción.- A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) critica as palabras do Defensor del Pueblo nas que xustifica agresións a xornalistas por non levaren un chaleco de uso voluntario. Nunha resposta ao Movemento polos Dereitos Civís, a oficina desta institución rexeita a responsabilidade policial porque os profesionais "non portan prenda algunha alusiva á súa condición de informador".
O Movemento polos Dereitos Civís elevara unha queixa ao Defensor del Pueblo pola actuación policial realizada en Madrid o pasado 29 de marzo, na concentración convocada co lema Xaque á monarquía!. Na súa resposta, o Defensor del Pueblo indica que "nas imaxes pode observarse a determinadas persoas que no momento de producirse esa intervención policial, non portan prenda algunha alusiva á súa condición de informador [...], polo que non cabe entender que existira unha actuación policial incorrecta se non adoptan as medidas pertinentes acordadas".
O Defensor fai referencia así ao convenio suscrito entre o Ministerio de Interior y la Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) o 17 de marzo de 2011, que acordaba a que os informadores poderían, voluntariamente, portar un chaleco distintivo con identificación. O CPXG recorda que "identificarse ou non con este chaleco é unha opción voluntaria que, en todo caso, só afecta aos afiliados das organizacións que asinaran ou asinarán convenios deste tipo".
Actualmente, existe un debate profesional sobre se o uso de tal identificación é positivo ou negativo para desenvolver o traballo xornalístico. A favor está que pode facilitar o labor dos xornalistas por parte das distintas instancias que concorren en calquera acto multitudinario. En contra, que esa mesma identificación actúe como elemento distorsionador da realidade, quitándolle aos xornalistas o certo grao de discreción que se precisa de cando en vez para estar preto dos acontecementos.
Se unha institución como a do Defensor del Pueblo asume que os profesionais da información deben ir identificados para estar situados au dessus de la mêléee aforrar determinadas vicisitudes, haberá que convir con Willian Shakespeare en que onde os barcos están máis seguros é nos portos, pero non se fixeron para iso.

6 de nov. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión