Ramón Chao.- O teólogo José Manuel
Vidal acaba de publicar unha biografía “non autorizada” do noso paisano Antonio
Rouco Varela. Empezaron a traballar a catro mans nunha biografía autorizada,
ata que Rouco rompeu o acordo e a obra converteuse en “non autorizada”.
Sabemos que o
vilalbés non soportaba o ton libre e ata crítico que José Manuel Vidal levaba,
e este, á súa vez, negouse á censura. Da vida privada de Rouco, os vilalbeses
estabamos ao tanto de todo o que figura nesas páxinas, e moito máis. Por
exemplo, eu que o coñezo e tratei moito desde a nenez, non ignoraba que o
seminarista era tosco, brutal e testarudo. No comedor familiar do noso Hotel
Chao era, xunto con Pardeiro, o que chistes máis verdes contaba, o máis brutal
e violento coas bandas rivais, polo que avisaban: Coidado, que vén o bronco
Varela!. Ese carácter dúralle ata hoxe.
O seu biógrafo di que o cardeal instaurou
un clima de medo na Igrexa católica española, un clima insano, paralizante, que
non permitía axuntar esforzos, que dividía e encerraba a cada cal no seu gueto.
Medo que mantiña aos provinciais, aos superiores e aos propios bispos pendentes
dun telefonazo e, polo tanto, sen poder ser libres nin promover a sa liberdade
dos fillos de Deus entre os seus cregos, frades, monxas e fieis. Como
consecuencia, estendeuse a autocensura e a néboa do medo o que recubría todo.
Rouco e os seus non querían teólogos secretarios dos bispos. Querían simples
papagaios do maxisterio. E estaban decididos a acabar con todos os que non se
pregasen á súa santa vontade.
O biógrafo Vidal
trata de buscarlle desculpas no estreñemento que Rouco sufriu desde sempre, de
orixe nerviosa, desde que xa en Salamanca os seus compañeiros facían risas das
súas dificultades para evacuar, e cando vían un servizo pechado, dicían: “Xa
està Rouco no labor”.
Xuízo semellante
emite quen foi o seu profesor en Mondoñedo, o meu irmán Xosé Chao. Díxolle a
Vidal que é “un home moi depresivo e moi estreñido, de saúde moi precaria, o
cal afecta á escasa seguridade que ten en si mesmo, malia aparentar todo o
contrario”. Pois aínda que
xa intuísemos todo isto, recomendamos a lectura desta biografía non autorizada
que tantas sombras disipa, e tantas luces ofrece.
_______________________________________
Vidal,
José Manuel: Rouco. La biografía no
autorizada (ISBN: 978-84-666-5559-0)
Said
Donde se pode mercar ese libro? Parabéns!