Redacción.-
O auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, quedou pequeno na tarde deste pasado sábado para o numeroso público que alí se achegou, a partir das 17 horas, para homenaxear a Rosalía, nun acto que quixo ser un máis dos moitos que estes días se celebran por toda a xeografía galega para conmemorar o aniversario do nacemento da nosa autora máis universal, da que o mesmo Manuel María se declaraba “un auténtico devoto”.
Máis de 300 persoas pasaron ao longo da tarde pola Casa de Hortas, que acolleu a fase final do concurso de recitado poético Rosalía sempre viva, que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou por vez primeira este curso escolar para alumnado de todas as etapas do ensino non universitario.
Un total de 76 estudantes de entre 5 e 18 anos chegados de moi diferentes puntos de Galiza (Vilagarcía de Arousa, Moraña, Coristanco, A Coruña, Cervo, O Carballiño, Lugo ou Mesía, entre outros), seleccionados previamente na fase inicial que tivo lugar nos centros, recitaron algunhas das máis célebres composicións rosalianas diante do numeroso público congregado e dun xurado que estivo composto polos escritores Paco Martín e Marica Campo e pola profesora Anxa G. Refoxo.
O xurado concedeu premios ao mellor recitado por cada unha das catro categorías en que se dividían os finalistas, en razón da súa idade: así, o premio ao mellor recitado na 1ª Categoría recaeu no grupo de 1º de Primaria do CPI de Xanceda (Mesía); o premio da 2ª Categoría foi para Irea Ferreiro López, alumna do CEIP Virxe do Corpiño (Begonte); o premio da 3ª Categoría foi para Fátima Barros Monteagudo, do CPI Santa Lucía (Moraña); e o premio da 4ª Categoría foi para Alejandro Sánchez Cela, do IES Leiras Pulpeiro (Lugo).
O xurado, ademais, acordou conceder tamén un premio especial ao centro que máis alumnas e alumnos finalistas conseguiu situar na fase final do concurso, e que foi para o CEIP de Albeiros (Lugo).
A Fundación Manuel María de Estudos Galegos agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio rosaliano decorrese con éxito.

0 comentários :
Danos a túa opinión