Camiño Norte e Manuel María

Redacción.-

Camiño Norte

Estes días, diante da declaración por parte da Unesco do Camiño Norte de Santiago e do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade, o Instituto de Estudos Chairegos quere facer pública a profunda satisfacción que sente por este recoñecemento.

Por mor diso, emitiu un comunicado co que quere felicitar a todas as persoas, asociacións e institucións que levan anos traballando por conseguir este recoñecemento ao tempo que fan un chamamento á responsabilidade colectiva no  respecto ao Camiño, ao seu  coidado e mantemento para que este recoñecemento mundial se traduza no coñecemento  e recoñecemento da nosa historia, da nosa cultura e do noso patrimonio material e inmaterial.

O IESCHA, como asociación que dentro dos seus estatutos contempla a defensa e conservación do Camiño Norte, ten publicado en 2004 o libro “O Camiño Norte de Santiago na plumiña de Ramón Guntín” e dispón dunha exposición sobre “O Camiño Norte de Santiago en imaxes” co seu catálogo, elaborado por Xosé Luís Novo Cazón, que poñen a disposición das entidades que a soliciten.nuel María

Así mesmo, desde o Instituto de Estudos Chairegos, diante da designación de Manuel María como homenaxeado nas Letras Galegas 2016, manifestan a súa satisfacción por este merecido nomeamento que vén recoñecer o seu compromiso coa Terra, coa Lingua e coa Cultura e a súa categoría moral e persoal.

Aproveitan para reiterar a petición realizada ao Concello hai unha década de que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María. Baseamos esta petición na fonda relación que mantivo sempre con Vilalba tanto no plano persoal como na súa faceta de escritor, adicando unha parte da súa obra a Vilalba e á súa riqueza patrimonial, paisaxística, gastronómica, sociolóxica, poética, etc... Manuel María é o verdadeiro Bardo da comarca da Terra Chá, á que cantou coa súa maxistral obra Terra Chá, e porque sobra dicir que foi unha das figuras máis sobranceiras das letras galegas da segunda metade do século XX, que se entregou toda a vida a Galiza e á súa terra natal. 

Manuel María, como bo chairego, deixábase caer por Vilalba sempre que lle era posible, tanto para visitar aos seus amigos e amigas como para participar en actos culturais. Demostrou en máis dunha ocasión o seu cariño pola nosa vila e mesmo aceptou de bo grado a proposta que lle fixemos dende o IESCHA para que o acto do seu ingreso na Real Academia Galega se celebrase en Vilalba.

Para nós a traxectoria de Manuel María, a súa significación no eido cultural e o seu vencello con Galiza, coa Chaira e con Vilalba, ben o fan merecedor dunha homenaxe por parte do pobo de Vilalba, e nomeadamente dunha institución que nos representa a todos/as: o Concello.

Desde o Iescha entenden que o darlle o seu nome á Casa da Cultura sería unha boa mostra de correspondencia para cun home que vai figurar entre os escollidos da cultura e das Letras Galegas.

13 de xul. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión