O Manuel

Antón de Guizán.-

Coñecín a Manuel María hai 38 anos, cando eu tiña só 16, nuncio estudiantil no instituto de Monelos da Coruña no que tiven a honra de presentalo.
Anos despois, na primeira homenaxe pública despois da súa morte no auditorio da Fábrica en Oleiros e dentro dunha xornadas de verán de Galiza Nova, a miña filla Elba, con nove anos, leu o poema Terá Chá na súa honra, o que me enorgulleceu dobremente.
Lembro aqueles domingos pola mañá na desaparecida cafetería Kirs da Coruña, sempre con Saleta e cos queridos Felipe Senén, Pancho Pillado e Xurxo Souto en animadas tertulias.
O Manuel, sempre entrañable, cando pedía cigarros ás escondidos sabedor dos condados da súa saúde por parte de Saleta, o seu anxo da garda.
Aquel Manuel que figura na miña memoria coruñesa pero inequívocamente vinculado á Terra Chá co que sempre sentín unha identificación mesmo vivencial pola procedencia e pola vivencia, a Chaira e a Artabria compartida.
Era difícil non ver ao Manuel sempre en actos solidarios e reivindicativos, en apoio a novos poetas e escritores...
O tempo, levoume a Os Vilares, ao coñecemento da vida e da obra dun dos seus grandes amigos, Xosé María Díaz Castro honrado xa coas letras galegas do 2014, que tanto lle tería gustado compartir ao Manuel, e o próximo ano, o propio Manuel María será o homenaxeado do que tan orgulloso se sentía o propio Díaz Castro.
A Terra Chá, unha fábrica de Poesía, ve recoñecida en dous anos a súa creación aos seus poetas todos, que non serán os únicos, e convértese así definitivamente nunha potencia cultural. De nós depende xa presumir, promover, extender aos nosos grandes, Pepe do Vilariño e Manuel da casa de Hortas e a outros moitos que foron, son e serán.

16 de xul. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión