Cultura alimentaria

Redacción.-

Existe unha relación directa entre o consumo de carne procesada e carne roxa e o risco de cancro. Unha evidencia que chega da man de numerosos estudos realizados por diferentes entidades a nivel internacional que tamén indican que se trata dun risco baixo. O consumo moderado de carne, no marco dunha cultura alimenticia saudable e exercicio físico son algunhas das claves da prevención. Esta é a mensaxe que se repetiu ao longo da tarde no marco da xornada “Os pecados da carne?” coordinada por Anxo Carracedo e Rafael Tojo. “O problema da dieta cárnica é un asunto científico pero tamén ten que ver coa cultura alimentaria e cómpre unha reflexión sobre a realidade” apuntou Ramón Villares na inauguración dunha xornada que se abordou o tema desde a necesidade dunha difusión rigorosa ata a dieta actual.

A xornada está enfocada en poñer sobre a mesa a vantaxe e os problemas da dieta cárnica e a súa relación coa saúde. O xornalista especializado Antonio Martínez Ron abriu a sesión falando da divulgación, de achegar a mensaxe a sociedade sen ideoloxías nin matices e axustado á verdade. No seu relatorio explicou de xeito práctico o contexto no que se elaboraron as informacións que deron lugar a esta controversia. “Tratábase dun informe rutinario, xa programado, que revisaba unha serie de estudos científicos que establecían unha correlación entre o consumo de carne e o cancro, e a letra pequena dese anuncio estaba nos niveles de risco” indicou. Ademais, na súa intervención reivindicou a necesidade dunha información rigorosa, acundindo ás fontes para evitar inexactitudes.

Da epidemioloxía á dieta
Alberte Ruano Raviña, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, falou da epidemioloxía da dieta e do cancro. Fixo un repaso polas características dos diferentes estudos que levou á Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC, en inglés), parte da axencia sanitaria de Nacións Unidas, a publicar o panel que deu lugar á controversia. Ruano destacou as conclusións de cada un dos estudos, o número de persoas sobre os que se fixo a mostra e o período de tempo de análise. “Son mostras representativas, prospectivas, que se fan nun período elevado de tempo e que empregan cuestionarios validados” apuntou como mostra da calidade destas investigacións. Todos eles establecían unha relación directa entre o consumo de carne e cancro colorrectal.

O xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López, fixo unha relación de factores de risco do cancro. “O consumo de tabaco, o sobrepeso, o emprego de máquinas bronceadoras, as enfermidade infecciosas, a polución do aire” son, nesa orde, os principais factores de risco no noso país. Ademais, engadiu unha nova relación: a riqueza e a supervivencia do cancro. “Un estudo epidemiolóxico centra que a supervivencia en cancro vai parello ao nivel económico de país” indicou ao tempo que puxo sobre a mesa un aspecto positivo: están mellorando as taxas de supervivencia ao cancro.

Completou a sesión a xefa da Unidade de Alimentación de Pediatría do CHUS, Rosaura Leis Trabazo, cunha intervención sobre patróns alimenticios e saúde, que alertou dos altos índices de obesidade infantil. “É importante porque a obesidade a baixas idades supón un risco que, ademais ten repercusión para toda a vida”. Dedicou parte da súa intervención a falar do caso galego, onde un neno de dez anos aumentou unha media de 10 quilos desde 1979 e, aínda que ese incremento se difumina co incremento da talla, evidencia un incremento da adiposidade que cambiar a composición corporal pero tamén o nivel de resposta do organismo.

A orixe da xornada
O pasado mes de outubro un panel de expertos da Organización Mundial da Saúde afirmou, baseándose en estudos científicos publicados, que o consumo de carnes procesadas (embutidos, salchichas ou hamburguesas) aumenta o risco de sufrir cancro e que a carne vermella (porco, vacún…) é probablemente carcinóxena. Ante este asunto de actualidade que causou gran controversia, a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organizou unha xornada concibida para falar de como se divulga a través dos medios de masas e chega ao gran público unha nova científica e de como deben interpretarse determinados datos e conclusións que afectan a tradicións moi arraigadas nos costumes do país.

A Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada de carácter didáctico entronca cunha liña de traballo recoñecida da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade quen ten por obxecto elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza. Dentro desa liña de traballo encádrase o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos, así como a publicación de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga, editadas polo Consello da Cultura Galega. Esta sección está coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros.

26 de nov. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión