Nace O-Xan, para a xestión do lobo

Redacción.-

Como punto de partida consideran primordial que a Xunta de Galicia se poña ao día nos pagos das axudas de danos que levan máis de dous anos de atraso. O grupo integra a gandeiros, cazadores entidades conservacionistas e investigadores.

Despois da xornada celebrada o pasado 20 de xuño en Rábade baixo o título “O lobo e o seu conflito: da normativa ao diálogo” (http://www.campogalego.com/es/desarrollo-rural/pueden- coexistir-lobo-y-ganado-con-una-baja-conflictividad/), onde se reuniron membros de todos os grupos de interese na xestión e conservación do lobo. De aquí xorde O-Xan - grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia - cuxo obxectivo principal será fomentar o diálogo para minimizar a conflitividade social e favorecer os acordos a prol da coexistencia entre o lobo e a sociedade galega, así como propoñer, debater e estudar medidas para unha correcta xestión do lobo en Galicia.

O-Xan é un grupo aberto, no que esperamos agrupar cada día máis entidades, integrado por agrupacións gandeiras (ACRUGA, OVICA, PURAGA, SGPF) e gandeiros a título individual, cazadores (UNAC, UNITEGA), entidades conservacionistas (AGCT), investigadores (CIAM, USC, Universidade de Oviedo) e técnicos vinculados coa xestión e conservación do lobo en Galicia. Todos os integrantes estamos unidos baixo un ideario común sustentado na afirmación de que “queremos e aceptamos o lobo en Galicia nunha coexistencia corresponsable” e sobre o que estanse a desenvolver unhas liñas de traballo que tentarán aportar o diálogo e acordo necesarios para a conservación do lobo e da actividade humana a longo prazo.

Os primeiros puntos que definen O-Xan, acordados entre tódolos integrantes, foron os seguintes:
1- O lobo formou, forma e formará parte do patrimonio natural e cultural de Galicia e, coma tal, debe ser conservado e correctamente xestionado.
2- A presenza do lobo nun ambiente natural profundamente humanizado, pola súa condición de depredador, xera conflitividade social debido á afectación ao gando e á competencia polos recursos cinexéticos, dos que depende como fonte de alimento. No contexto galego, os gandeiros son os principais afectados pola presenza do lobo e entendemos que deben ser compensados, axudados e orientados para acadar unha convivencia pacífica sen menoscabar un dos sectores económicos máis importantes en Galicia, como é a gandería.
3- Para a correcta xestión desta especie, é necesario o acordo de tódalas partes implicadas e a correcta acción da Xunta de Galicia, responsable da súa xestión.
Para reducir a conflitividade e iniciar o traballo de diálogo no grupo considérase primordial resolver un problema de base que está a envelenar tódalas discusións sobre o tema do Lobo: A Xunta de Galicia debe poñerse ao día nos pagos das axudas de danos que levan máis de dous anos de atraso. Está claro que se non se fan os deberes, non se poderán acadar acordos no futuro.

Por outra banda, O-Xan segue a traballar para integrar cada día máis entidades, para atopar os puntos de encontro entre todas elas e para aportar novos enfoques sobre a xestión do Lobo en Galicia.

22 de dec. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión