Redacción.- A compañía Lucecús Teatro inicia os
ensaios da súa vindeira produción teatral apostando polos textos do autor
homenaxeado polo Día das Letras Galegas, o chairego Manuel María. A nova
produción conta coa colaboración da Casa-Museo Manuel María así como da Área de
Cultura da Deputación de Lugo.
Logo do espectáculo A órbita do lucecú, co que proximamente estarán de xira por
Compostela, A Coruña, Vigo, Ribadeo entre outros, a compañía aposta por unha
función para público familiar, nun intento de diversificar a súa oferta teatral
con especial atención aos máis cativos da casa.
A
verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna é unha clara reivindicación da dramaturxia
galega, escollendo textos de Manuel María como os que se poden atopar nos
libros A tribo ten catro ríos, Os soños na gaiola, Cando o mar foi polo río ou As
rúas do vento ceibe. O espectáculo céntrase na figura do personaxe Manuel
de Paderna, moi importante na vida de Manuel María xa que foi quen lle ensinou
a versificar no propio Outeiro de Rei.
O espectáculo agora mesmo está na etapa
de ensaios que acontecen na Casa-Museo Manuel María. A estrea terá lugar
proximamente en Vilalba. A función está dirixida por Rubén Pérez e conta no
elenco con Isa Herrero e Anxo Manoel. O acto de presentación, que tivo lugar na
propia Casa-Museo, contou con Xosé Ferreiro, Deputado Delegado da Área de
Cultura da Deputación de Lugo, Alberte Ansedes, presidente de Fundación Manuel
María así como cos lucecús Rubén Pérez e Anxo Manoel.
Lucecús Teatro nace
froito dun soño artístico, dunha necesidade creadora de berrar nunhas difíciles
coordenadas históricas. Lucecús quere brilar nestes momentos tan oscuros para o
teatro.
0 comentários :
Danos a túa opinión