Manuel París.- O Grupo Bilbao de
escritores galegos afincados en Madrid ultima a xestación de Olga, a súa Revista de poesía galega na
capital do Estado. Hai uns días, o equipo responsable da súa edición e
redacción daba luz verde á impresión do seu primeiro volume, que constitúe unha
antoloxía da obra literaria dunha quincena de poetas galegos residentes na
capital de España.
Todos
eles son membros do faladoiro mensual que o Grupo Bilbao realizou
ininterrumpidamente no emblemático Café Comercial de Madrid -radicado na
Glorieta de Bilbao, da que toma o seu nome o grupo- desde 1996 ata o 27 de
xullo de 2015. Entón, o grupo asistiu á sorprendente pechadura deste
emblemático local, fundado en 1887 e outrora frecuentado por escritores tan
ilustres como Antonio Machado, Blas de Otero, Gabriel Celaya, Gloria Fuertes,
José Hierro, José Manuel Caballero Bonald, Luis García Montero ou Ana Rosseti.
Tras o peche do Comercial, as xuntanzas continuaron cada último sábado de mes;
agora, na Cafetería Santander, moi próxima á Glorieta de Bilbao.
Nas páxinas da revista Olga fan uso da lingua galega como antorcha os seguintes escritores
galegos afincados en Madrid: os chairegos Miguel Barrera e Rafael Yáñez, Vicente Araguas, Fermín Bouza,
Xosé Galán, Yolanda López, Verónica Martínez, Pilar Mera, Claudio Pato, Manuel Pereira Valcárcel, Luz Pichel (no seu día Premio
Esquío de Poesía), Begoña Regueiro, Xosé Soto, Lidia Teixeiro e Sabino Torres. A nova publicación
nace coa pretensión de que a literatura galega deixe a súa impronta -a pegada
na neve que significa "olga" en galego- na vida cultural madrileña.
0 comentários :
Danos a túa opinión