A viaxe a Santo André da Xeración Nós

Manuel París.- O restaurante compostelán Mesón de Lázaro acollerá o vindeiro xoves 30 de xuño a presentación do libro De camiños, viaxeiros e caminantes (Vigo, Editorial Galaxia, 2016), de Santiago Lamas e Alfonso Mato. Este último será o protagonista das Noite(s) Xove(s), un evento no que diserta un convidado de prestixio sobre cultura e actualidade informativa, cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo posterior debate. O prezo do menú, elaborado especialmente para a ocasión, é de vinte euros.
Esta “maridaxe de gastronomía e cultura”, así calificada por Pepe Mata, propietario do Mesón de Lázaro, está coordinada polos xornalistas Moncho Paz e Fermín Galindo, e nesta ocasión contará coa presenza do escritor e filósofo Antón Baamonde, que será o encargado de presentar a Alfonso Mato e contextualizar a época histórica do primeiro terzo do século XX.
Alfonso Mato (Ribadavia, 1956) é historiador e documentalista. Traballou no Instituto Galego de Información, baixo a dirección de Isaac Díaz Pardo e actualmente colabora en varios proxectos da sección de Ciencias do Consello da Cultura Galega. É autor de diversas publicacións sobre a historia cultural galega do primeiro terzo do século XX, como O Seminario de estudos Galegos (2001) e a edición do libro Ánxel Casal: un editor para un país: Catálogos de Lar e Nós (2007).
En xullo de 1927, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey camiñaron dende Ourense a Santo André de Teixido, no cabo do mundo. En De camiños, viaxeiros e caminantes, galardoado co premio de ensaio Ramón Piñeiro 2015, os autores desenvolven unha reflexión suxerente sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. E tamén sobre os peregrinos, paseantes, guías de viaxe, turistas e vagabundos literarios, ademáis das actuais e, nalgúns casos, perversas formas de camiñar. Desde a actualidade, o libro dialoga coa Galicia de comezos do século XX mediante un estilo aberto e rico, seguindo o ronsel do ensaio e da digresión e da digresión que descubriu e practicou con singular brillantez Michel de Montaigne.

28 de xuño de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión