Carlos Casares Letras Galegas 2017

Redacción.-

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Prosista en distintos xéneros, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.

Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega.

A Real Academia Galega considera que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017. Con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria.

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba a cultivar o seu perfil literario. En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos Vento ferido, dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato A galiña azul o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

En 1975, Xoguetes para un tempo prohibidoreportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era xa a esa altura unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da nosa narrativa, recoñecida en 1978 co seu ingreso na Real Academia Galega, onde foi o membro de número máis novo.

Nos anos da transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE traballou arreo para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). Rematada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).

Malia os seus múltiples compromisos, Casares non abandonou nunca a escrita e seguiu a publicar obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos Os escuros soños de Clío (1979), as novelas Ilustrísima, Premio da Crítica Galega de 1982; Os mortos daquel verán(1987), Premio Antón Losada Diéguez; e Deus sentado nun sillón azul (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou O sol de verán, publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Cómpre así mesmo salientar o seu labor como articulista en distintas cabeceiras, que chegou a contar cun amplísimo e fiel público e merecente dunha morea de distincións, entre eles os premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e xa a título póstumo o Roberto Blanco Torres (2002).

9 de xul. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión