Redacción.-
No Pleno da RAG celebrado hoxe, 9 de xullo, foi elixida académica de número electa María Pilar Jiménez Aleixandre (Madrid, 1947) para ocupar a vacante producida polo pasamento, o pasado 27 de novembro, de Xosé Neira Vilas. Coñecida como Marilar Aleixandre, é escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela.
Como escritora, a obra de Marilar Aleixandre está traducida ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, e foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu ademais numerosos premios tanto por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.
Como bióloga e experta en educación, foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.
Na xuntanza do Pleno tamén se oficializou a proposta de María Xesús Pato Díaz (Ourense, 1955), coñecida como Chus Pato, para cubrir a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. A candidatura da poeta someterase a votación no vindeiro Pleno.
A de Chus Pato é desde os anos 80 unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea. A súa obra, rupturista cos modelos tradicionais de poesía, desenvolve unha temática caracterizada por un ton reivindicativo e de denuncia social, na que a mirada feminista ten unha importancia especial, e incide no expresionismo culturalista clasicista.
Chus Pato publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse en distintas revistas (Luzes de Galicia, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna, Clave Orión...) e libros colectivos e antoloxías. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa(1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras(1996) ou Nínive, co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu tamén o Premio Nacional da Crítica por Hordas de escritura, obra coa que ademais volveu gañar o Losada Diéguez, e en 2013 foi recoñecida co Premio da Irmandades de Libreiros como mellor autora do ano por Carne de Leviatán.
A súa obra foi traducida a diferentes idiomas e desde 2015 os versos de Secesión lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Poetry Room de Harvard.
0 comentários :
Danos a túa opinión