Redacción.- Os vindeiros 6 e 7 de outubro celebrarase en Compostela o Congreso Internacional "As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios e nacións", coincidindo cos cen anos da fundación da primeira
organización nacionalista galega, as Irmandades da Fala.
Este congreso aspira a
pór de relevo as circunstancias externas e o contexto internacional que
acompañaron a súa creación e primeira andaina. Pois as Irmandades da Fala non
foron un produto illado nin excepcional na Europa do seu tempo, mergullada
nunha cruel guerra mundial na que a cuestión das nacionalidades pasou a
desempeñar un papel sobranceiro na propaganda e obxectivos dos contendentes.
Os movementos
nacionalistas de Europa Central e Oriental, mais tamén algúns da Europa
Occidental, coma o irlandés, experimentaron un pulo decisivo e viron chegada a
súa hora. Noutros casos, grupos rexionalistas ou que reivindicaban linguas e
culturas minoritarias deron o salto á plena afirmación nacionalista, dende
Frisia e Gales a Galicia e Sardeña.
Dende 1917, os
revolucionarios soviéticos tamén incorporaron a liberdade das nacionalidades á
súa axenda reivindicativa. E ao rematar a I Guerra Mundial, das ruínas dos
imperios austrohúngaro, otomán e tsarista xurdiron novos Estados
“nacionalizadores”, nos que os triunfantes movementos nacionalistas
reproduciron adoito os erros dos nacionalismos homoxeneizadores do século XIX e
viron nas minorías etnolingüísticas unha ameaza.
A opinión pública europea
amosou unha nova sensibilidade cara á cuestión das minorías, e no mundo
académico inzaron os debates teóricos verbo dos dereitos das nacionalidades e
as orixes do nacionalismo. Nese escenario europeo, o emerxente nacionalismo
galego fixou as súas prioridades e reivindicacións, inspirándose nos exemplos
coetáneos pero seguindo o seu propio camiño.
0 comentários :
Danos a túa opinión