Mario Paz González.-
Pescudar a influencia que a contorna familiar, cultural ou social poida ter na formación dun individuo ou, máis comunmente, na dun artista, non é tarefa doada para calquera biógrafo ou estudoso que se prece. Se cadra por iso, tentar albiscar canto poida haber do herdado por parte de antepasados móstrase como algo case imposible. “Cómpre pensar que na orixe daquela estrañeza no mundo non houbese outra cousa que unha mestura fatal de predisposicións incompatibles?”, pregúntase Reiner Stach na súa recente biografía de Kafka ao tratar de profundar no posible influxo na visión do mundo do escritor checo de todos os Kafka e todos os Löwy anteriores a el.
Pretender afirmar a importancia dese influxo no caso de Valle-Inclán pode resultar dun atrevemento tan ousado como atraínte. Ou, en calquera caso, un entretemento baleiro para xoves filólogos ociosos. Acaso puidera ser que as abundantes referencias á Revolución de 1868 na súa obra veñan pola participación na mesma do seu tío José Cuevas del Valle, digno herdeiro de Rocambole? Ou a do seu pai, don Ramón del Valle Bermúdez, poeta, xornalista e arqueólogo, ao tempo que concelleiro, fidalgo e empresario? Cómpre pensar que todo ese mundo de reviravoltas caciquís que retrata nalgunha das súas obras máis senlleiras puidera deberse ás vivencias do seu avó Francisco Peña?
En calquera caso, dous signos distintivos da personalidade do autor de Tirano Banderas, a súa barba e o seu apelido, remítennos a un dos seus antepasados máis afastados no tempo, o máis senlleiro, o máis “raro” no sentido rubeniano do termo, o máis parecido ao noso escritor en moitos eidos da súa personalidade: Francisco del Valle Inclán. Habería de ser el quen dera orixe ao apelido que tanto Valle como o seu pai, irmáns, fillos e netos seguirían, aínda hoxe estes últimos, a utilizar.
Naceu este personaxe en San Martiño de Sobrán (Pontevedra) en 1736. Era fillo de Pablo del Valle e María Antonia Inclán, de aí o famoso apelido. En palabras do noso escritor, citado por Gómez de la Serna en 1924 na revista Nuevo Mundo, este antepasado “era como todos os da miña raza: un xigante, un home aposto, moi xentil”, que levara a súa elegancia ao extremo de facerse amputar o dedo dun pé polas molestias que lle ocasionaba o calzado ao camiñar. Arroutadas aparte, del sabemos que foi experto en linguas mortas, catedrático universitario de Leis, reitor do Colexio de San Clemente, fundador da biblioteca da Universidade de Santiago e tamén creador do primeiro xornal de Galicia, El Catón Compostelano, un panfleto de periodicidade semanal editado en oitavo.
El Catón Compostelano comezou a publicarse en 1800 e a súa filosofía non responde de ningún xeito ao que hoxe en día entendemos por un xornal. Non tiña como finalidade principal a información. O seu ton discursivo e erudito fai pensar que, entre mofa e befa, procuraba máis ben o adoutrinamento (ou o entretemento) dun público escollido. Contiña, en palabras de Filgueira Valverde, “unha estraña amálgama de humor e erudición, de reformismo galicista e de apego ao tradicional”. Con todo, aínda hoxe descoñécese quen ou quenes eran o autor ou autores dos textos que incluía, é dicir, se había algún outro redactor ademais do propio Francisco del Valle Inclán ou todos os textos proviñan da súa fecunda e imaxinativa pluma. O feito de que aparezan asinados por diferentes siglas ou por alcumes tan extravagantes como “El Incógnito”, “El Imbrujoleable” ou “Él”, a secas, non resulta máis tranquilizador a este respecto.
Un ton irónico, que lembra ao do creador do Esperpento, domina toda a publicación. Mesmo nos “discursos” (que así se chamaban os textos que incluía) máis serios, como os adicados á educación, a paz, os avances científicos ou a importancia da aprendizaxe das matemáticas ou da lectura, tamén para as mulleres, adiantándose en varias décadas ao feminismo decimonónico. Un bo número ten un ton disparatado, mesmo entre a ciencia e a ficción científica, como o asinado polo “Marinero del Ayre”, onde se describe con todo luxo de detalles unha máquina voadora da súa invención e exponse a necesidade de buscar financiamento para poder levar a cabo o proxecto.
Algúns destes discursos resultaron certamente polémicos, como aqueles nos que atacaba ao historiador Juan Francisco de Masdeu, ou no que afirmaba que todas as linguas de España eran anteriores ao latín e que lle valeu a inclusión do Catón no Index librorum prohibitorum editado polo Santo Oficio. Ou outro no que analiza o odio recíproco entre todas as nacionalidades do mundo, atribuído, segundo el, á diferenza de costumes entre as distintas culturas e do que dá un bo número de exemplos, na súa maior parte inventados. Aínda que don Francisco del Valle Inclán non lucía barba, como o seu descendente, o insigne escritor, iso non lle impediu afirmar, como un hipster calquera e adornándoo con innumerables citas eruditas, que a barba era signo de distinción e poder, amais de contribuír a preservar a boa saúde. Este texto ía valerlle unha contestación nun folleto baixo o título “Desagravio del clero latino, insultado en las mismas barbas, por El Catón Compostelano”.
A figura e as achegas deste personaxe foron estudadas con profusión por diferentes autores como o citado Filgueira, o Marqués del Saltillo, Teodomiro Cardalda ou os propios descendentes de Valle, Joaquín e Javier del Valle-Inclán Alsina, entre outros. Tamén con enorme amplitude por Víctor Viana o cal, en Los otros Valle Inclán (2007), analiza a figura dalgúns outros antecesores e descendentes citando, mesmo, “aqueles afastados familiares que por casamento chegaron a ser persoas extraordinariamente ricas nos Estados Unidos e que ata tiveron a intención de invadir México para devolverllo a España”.
Quen pense, como Zola e os naturalistas, que a existencia do ser humano está marcada polo Determinismo, polo influxo de forzas incontrolables, polos instintos, as paixóns, a herdanza ou a contorna social e económica podería ter un amplo campo de estudo na figura de Valle, na que vida e obra tenden a confundirse ata facerse, ás veces, indistinguibles. Con todo, cómpre pensar que todo iso sexa algo baleiro. Algo que non nos afasta do esencial, a idea de que, por riba de todo, a súa dilatada e complexa literatura é universal e eterna e sitúao para a posteridade como un dos grandes artífices da literatura hispánica moderna.
Artigo publicado no último número da revista La Galerna. Tabloide crítico (marzo, 2017), pp. 13-14, adicado na súa integridade a Valle-Inclán, xunto a outros textos de Andrés Trapiello, José Luis Puerto ou Bruno Marcos.
0 comentários :
Danos a túa opinión