Portugal no Culturgal

Redacción.-

A organización de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, adiantou hoxe algunhas das que serán as liñas mestras da súa edición de 2017, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro, coa cultura portuguesa como convidada especial para a celebración do décimo aniversario do encontro.

Promovido pola Asociación Culturgal, o evento, que aglutina os principais colectivos profesionais das industrias culturais galegas, volverá contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da renovación do convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Os preparativos para Culturgal 2017 parten con algunhas novidades como son a creación dun espazo propio dedicado á arte contemporánea (con presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos), o incremento de actividades de dinamización desde os stands do recinto expositivo e, sobre todo, o reforzo na liña de internacionalización mediante a apertura do programa a culturas exteriores convidadas. Portugal é o país escollido para iniciar este percorrido, o que implica que institucións, empresas e creadores lusos participarán no décimo Culturgal cunha marca conxunta baixo a que circunscribirán concertos, expositores e presentacións. A acción conta co apoio da Secretaría de Estado da Cultura de Portugal e da Bienal de Arte de Vilanova de Cerveira.

Culturgal 2017 mantén nestes momentos aberto o prazo de reserva de stands, así como a convocatoria para creadores e profesionais, que teñen ata o 2 de outubro para facer chegar as súas propostas para configurar o programa de actividades das distintas disciplinas artísticas e para todos os públicos.

Dez anos de Culturgal

A primeira edición de Culturgal tivo lugar en 2007 en Pontevedra, impulsada fundamentalmente polos editores de Galicia. En 2008 celebrouse na Coruña. Dous anos despois, diferentes asociacións gremiais deciden constituír a asociación Culturgal para darlle estabilidade ao proxecto, que en 2010 volve a Pontevedra, onde continúa a celebrarse desde entón. Nesta década, Culturgal converteuse para persoas, colectivos e entidades públicas e privadas nun espazo de referencia para conectar os creadores culturais coas 15.000 persoas que teñen visitado cada último ano o recinto.

Hoxe forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Culturgal consolida ademais un modelo de colaboración entre as industrias culturais e as institucións que achegan o seu patrocinio: a Xunta de Galicia como principal apoio, ademais do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra e Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

7 de xul. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión