XVI edición do FestiGal

Redacción.-

A XVI edición do FestiGal trae artistas como Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa para actuar na véspera do Día da Patria en Santiago de Compostela. Na presentación, Guadi Galego, sinalou que o Festigal “reivindica un país normalizado neste espazo político, social, musical e cultural” e representa “a ilusión dun país que quere chegar a ser algo máis”.

Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, anunciou as bandas e agradeceu o voluntariado que traballa na organización do Festigal e o autor do cartaz deste ano, Leandro Lamas. “Un pintor de referencia que fixo esta serea que está no mar, dende o seu país e coa forza e valentía da estrela que ergue na man, como quere transmitir o Festigal, nun país de artistas e creadoras”, explicou.

A xornada do 24 comeza cunha sesión de DJ con Bigote Mix; Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, de Ponteareas, que foron os gañadores do concurso “Novos Valores”; Os Amigos dos Músicos, con folk-rock inspirado na canción protesta; Guadi Galego presentará o seu último traballo “O mundo está parado”; actuará Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba que traerá o seu último disco “Marxinación” de rock-metal con letras reivindicativas.

Alberte Fernández, de Galiza Nova, explicou que os gañadores do concurso Novos Valores participaron co tema retranqueiro “O galego non mola” para denunciaren a situación da lingua galega, seguindo a liña de crítica social nas súas letras. Destacou tamén o éxito deste vídeo que chegou a máis de 10.000 reproducións de Youtube en dous días. “O Festigal ponse en marcha grazas a 200 persoas voluntarias que fan posíbel este evento que cumpre 15 anos, dispostas a traballaren na organización dun cento de actividades para festexar o Día da Patria Galega”, engadiu.

Pola súa parte, Lucía López Sobrado presentou os actos previstos para o 25 de xullo nunha aposta en feminino no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isa Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl, “quen sen dúbida nos fará rir coa historia desta superheroína rural galega”. No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas “En Voga”, o que será un concerto-espectáculo “co que viaxaremos ás músicas dos anos 20, coas que poderemos bailar en pleno século XXI cos ritmos das nosas avoas e avós traídos aos nosos tempos”. Rematará coas potentes voces das Tanxugueiras, chegadas desde a zona de Teo e da Barbanza e que son xa un dos grupos revelación da música tradicional galega, sinalou.

Por suposto, terán tamén espazo no Festigal “multitude de colectivos sociais que desenvolven traballo a prol do noso país”, eventos deportivos, postos de artesanía, o espazo infantil con propostas culturais para os máis cativos, un espazo de venda de libro con variedade de editoras e librarías galegas e unha completa Galería das Letras e das Ideas nas que contaremos con palestras sobre temas de actualidade política e social e un grande abano de libros a presentar. Entre eles, pódense adiantar a presentación do libro “Na casa da avoa” da poeta viguesa Marta Dacosta ou a conversa entre os escritores Carlos Callón e Nacho Taibo arredor dos seus novos libros: “Galegofalantes e galegocalantes” e “Os tres de nunca”, respectivamente.

O Festigal vén cargado un ano máis de variadas propostas culturais en todos os estilos e disciplinas e encherá na noite do 24 e durante todo o día 25 o espazo do Campus Sur de reivindicación “para celebramos o Día da Patria Galega, para celebrarmos que somos galegas e galegos orgullosos de selo”. “Por iso o Festigal é un escaparate da cultura feita desde Galiza e en galego, que conxuga e beleza e o poder da tradición coa modernidade máis punteira e amosa que queremos estar no mundo en pé de igualdade con outras nacións e que temos talento a esgalla”, concluíu Lucía López.

21 de xul. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión